A Deputación completou o arranxo da estrada entre Sarria e Goián con 325.000 euros

•As obras consistiron na remodelación integral dos primeiros 6,5 quilómetros deste vial •O vicepresidente Fernández Queipo destacou que esta mellora beneficia a 300 veciños de Sarria

O vicepresidente da Deputación e responsable de Xestión Territorial, Argelio Fernández Queipo, supervisou os traballos da estrada de Mazadoiro xunto á alcaldesa de Sarria, Pilar López Yáñez, a mediados de abril. GPDL
A Deputación de Lugo continúa coas tarefas de mellora da rede de estradas provinciais. Este mes, vén de completarse unha nova actuación, neste caso no municipio de Sarria. A mediados de abril, o vicepresidente e deputado de Xestión Territorial, Argelio Fernández Queipo, achegouse ata o concello sarriao para supervisar o resultado dos traballos executados pola Deputación na LU-P-5705 de Mazadoiro a San Martín de la Torre por Escarlán.
ESTRADA QUE UNE SARRIA CON GOIÁN, E COMUNICA 15 NÚCLEOS DO RURAL
Segundo precisou o vicepresidente, estas actuacións supuxeron un investimento da Deputación de 325.000 euros. Fernández Queipo, que estivo acompañado pola alcaldesa de Sarria, Pilar López Yáñez, lembrou que este vial resulta «fundamental» para as comunicacións na zona, xa que une a capitalidade do municipio con Goián, e comunica a un total de 15 núcleos poboacionais do rural. Ademais, a estrada dá saída a varias explotacións agrogandeiras da contorna.
REFORMA INTEGRAL
Fernández Queipo precisou os detalles dos traballos, que supuxeron unha mellora integral dos primeiros 6,5 quilómetros da LU-P-5705. A execución incluiu a reposición do firme con aglomerado en quente, drenaxe transversal e sinalización horizontal con repintado da vía.
O vicepresidente provincial lembrou en Sarria que o Goberno da Deputación «está comprometido coa mellora das infraestruturas e dotacións públicas dos nosos veciños, concretamente os do rural, co fin de garantir a igualdade de oportunidades, vivas onde vivas». Fernández Queipo resaltou o «grande esforzo inversor» que está a realizar a Deputación para mellorar a rede viaria provincial, a máis extensa de España, con 4.200 quilómetros. O vicepresidente lembrou que, para este fin, a Deputación destina 15 millóns de euros, co obxectivo de «ter aglomerado, praticamente, o 50% da rede provincial».
Pola súa banda, a alcaldesa de Sarria, Pilar López Yáñez, agradeceu «a colaboración e cooperación do Goberno da Deputación cos municipios, que nos permiten mellorar o día a día dos nosos veciños».•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Reunión en Folgoso para avanzar no novo Plan Estratéxico do Turismo Rural de Galicia

Seguinte Nova

18 medallas para os do Neka no campionato provincial escolar en Taboada

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: