Nova achega provincial para a residencia de maiores de Sarria

• A Deputación ten prevista unha nova aportación a través do Plan Único, co que serán 237.000 euros os destinados polo organismo provincial a este servizo en dous anos

Visita á residencia de maiores de Sarria do vicepresidente da Deputación, Argelio Fernández Queipo, acompañado pola alcaldesa, Pilar López, e o tenente de alcalde, Efrén Castro, o 19 de abril. GPDL
A Deputación de Lugo vén de conceder unha nova achega de 57.000 euros para a mellora da residencia de maiores de Sarria. Segundo explicou o vicepresidente do organismo provincial, Argelio Fernández Queipo, aprobouse esta aportación económica para atender as necesidades dos veciños trasladadas polo Concello. Xa na pasada anualidade, a Deputación achegara un total de 120.000 euros para este mesmo centro.
98 USUARIOS DA RESIDENCIA DE MAIORES DE SARRIA
Fernández Queipo visitou a residencia sarriana o 19 de abril, acompañado pola alcaldesa, Pilar López, e o tenente de alcalde, Efrén Castro. O titular provincial salientou que as partidas da Deputación teñen como obxectivo mellorar a atención aos 98 maiores que residen nestas instalacións. O vicepresidente tamén engadiu que está prevista unha nova achega, a través do Plan Único, cun importe de 60.000 euros. Fernández Queipo precisou que, logo desta aportación, a partida total que a Deputación está a destinar á residencia de maiores de Sarria nestes dous anos acadará os 237.000 euros.
ACHEGAS PARA PAGAR NÓMINAS E MELLORAS NAS INSTALACIÓNS, E COMPRA DE MATERIAIS
Segundo explicou o mandatario provincial, estas partidas da Deputación serviron para pagar as nóminas dos case 50 profesionais que traballan nas instalacións, ademais de custear obras de mellora nas dependencias, como a sala de espera e a recepción. Así mesmo, as partidas custearon a compra de materiais de primeira necesidade, como toallas, sábanas ou pixamas, e maquinaria de rehabilitación.
CRÍTICAS Á XUNTA «POR NON ACHEGAR NIN UN EURO» PARA A RESIDENCIA DE SARRIA
Tanto o vicepresidente provincial como a alcaldesa criticaron a postura da Xunta ante o financiamento dos servizos sociais. “Somos Concello e Deputación os que estamos a atender aos maiores da residencia pública de Sarria porque a Xunta, a administración galega coas competencias directas en servizos sociais, non achega nin un só euro, nin para melloras, nin para concertar prazas», precisaron. Fernández Queipo e Pilar López puntualizaron que «a totalidade dos custos da residencia ten que ser asumida polo Concello de Sarria coa imprescindible axuda da Deputación».
«TOTAL ABANDONO» DA RESIDENCIA POLO GOBERNO LOCAL DO PP
Nesta liña, a alcaldesa de Sarria lembrou o «estado de total abandono» no que «o Partido Popular deixou a residencia de maiores». Pilar López denunciou que «entraban polas fiestras e nin tan sequera había material básico para atender aos maiores como sábanas ou toallas”.
O vicepresidente lembrou a «aposta da Deputación polas persoas», que se materializa en iniciativas como as achegas para a residencia, ou a atención profesional a 70 maiores de Sarria a través do Servizo a Domicilio e a Teleasistencia. •

Aprobados os convenios para as residencias de Ribas de Sil, Ribadeo e Pedrafita

• O organismo provincial aportará un total de 3,5 millóns en catro anos

O pasado 13 de abril, a Deputación de Lugo aprobou os convenios de cooperación entre o organismo provincial e os concellos de Ribas de Sil, Ribadeo e Pedrafita para financiar un total de 138 prazas en residencias e centros de día destes tres municipios.
288.000 EUROS ANUAIS DA DEPUTACIÓN PARA A RESIDENCIA DE RIBAS DE SIL
Segundo explicou o presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o organismo provincial achegará 3,5 millóns de euros en 4 anos, co que se financiarán todas as prazas deste servizo durante as catro anualidades. Desta partida, un total de 248.000 euros destinaranse cada ano á residencia de Ribas de Sil, 288.000 euros á de Pedrafita do Cebreiro, e 345.000 á de Ribadeo.
ACCESO SEGUNDO EMPADROAMENTO, NON POR RENTA
Campos Conde explicou que os convenios garanten prazas para lucenses e o seu acceso universal a estas, á marxe da situación económica dos beneficiarios. Priorizarase o acceso ás prazas para os veciños do municipio no que estea a residencia ou centro de día, e en segundo lugar irán os veciños da comarca, e finalmente os do resto da provincia.
O mandatario provincial precisou que a Deputación achegará, en virtude destes convenios, ata 600 euros mensuais por praza de residencia, e 300 euros ao mes por xornada completa en centro de día.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O 20 de maio poñerase en marcha de novo o muíño de Bendilló

Seguinte Nova

Conta atrás para desfrutar da música, o viño e as tradicións na XXVII Feira do Viño de Vilachá

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: