Darío Campos Conde, presidente da Deputación de Lugo: «Máis aló do Pleno e das Cámaras, están os veciños e veciñas, os que necesitan plans que lles ofrezan unha oportunidade»

•O mandatario provincial destaca que o seu Goberno leva investidos 129 millóns na provincia, e inscribe a reprobación do Partido Popular na dinámica dun partido «acomodado no reproche constante»

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, na celebración do Pleno provincial o pasado 24 de abril. GPDL

No Pleno provincial celebrado o 24 de abril, aprobouse só cos votos favorables do Partido Popular a proposta, presentada por este mesmo grupo, de reprobación da súa labor como Presidente da Deputación de Lugo.
A reprobación é a dinámica na que a oposición do Partido Popular está instalada na Deputación de Lugo. Se a labor dos grupos da oposición é o control e fiscalización dun goberno, na Deputación esta parte obviase e téñena convertido nunha crítica permanente.
Deste xeito, mentres uns temos a responsabilidade de sacar adiante proxectos para todos os veciños da provincia, outros acomodáronse no reproche constante.
Pero máis aló do Pleno, máis aló da Corporación, das Cámaras, das plumas e das rotativas ou de nós mesmos, están os veciños e veciñas de Lugo, os que necesitan que se impulsen plans que lles ofrezan unha oportunidade e unha esperanza para vivir con dignidade e tranquilidade.

Logo do que se viviu no Pleno este martes, cal cre que pode ser a imaxe que a cidadanía lucense ten da política?

Hoxe a política ten necesidades distintas, nun escenario para moitos de indignidade da mesma, polo que debería, máis que nunca e dende sempre, contar cos máis responsables para exercela. A política debería estar arroupada de discursos certos e honestos, de relatos construtivos e descritivos da realidade, e non dos intereses electorais dunha organización política ou, o que resulta máis mezquino, dunha persoa.
Algúns comportamentos no seo da política consentiron que, o que para uns é unha inmoralidade, sexa normalidade para outros. Isto saca á luz a relación deshonesta entre algúns políticos e a cidadanía.
Circunscribir a política exclusivamente á consecución de maiorías conleva que a ideoloxía, os programas, a esencia da política… se desprace a un plano residual, cando debería ser, xustamente, o máis importante.
A reprobación saiu adiante cos votos do Partido Popular.
Os máis bisoños teñen convertido á política nunha cuestión aritmética, recreándose permanentemente no cálculo de posibilidades electorais, co lastre que tal actitude implica para as comunidades e o territorio. Pero a algúns só lles importa o inmediato, o visible, o curto, o propio, o presente… e nada máis. A mediocridade, a inquina e a malicia está disfrazada de política. Calquera mezquindade se agocha na perversa máxima de que en política todo vale, sabendo o dano que esa farsa fai a política de verdade, tratando de convencernos de que a política é a que practican os caciques, chegando a acuñar a expresión «cacique bueno».
Nesta situación, que lle ten que dicir vostede, como presidente da Deputación de Lugo, aos veciños da provincia?
Eu non vin á política a facer espectáculo nin ruído, vin a construír para todos os veciños e veciñas. Dende o día que son Presidente, só me propuxen sacar adiante iniciativas, programas e proxectos que permitisen a esta provincia, cando menos, sobrevivir e, na medida do posible, irse recuperando da debilidade que lle ten provocado anos de desleixo, por non dicir desprezo, das políticas das dereita que dende a Xunta de Galicia e o Goberno Central sempre se basearon en investir onde se concentra a poboación por simples intereses electorais, e non onde os veciños e veciñas tamén o necesitan.
Nunha conxuntura política complexa, que ofrecía unha verdadeira oportunidade para demostrar a cultura, madurez e responsabilidade de cada un de nós, atopeime cos maiores simplismos que teño visto en política, e non por elo decaín no ánimo de sacar proxectos adiante, nin dexei de ser proactivo. Tampouco deixei de tomar decisións cando debía tomalas, algunhas, por certo, pouco agradables, pero nas que tivo que pesar a responsabilidade e o rigor por riba da comodidade.

 

Os deputados socialistas e os alcaldes que asistiron ao Pleno do 24 de abril, aplauden a intervención do presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde. GPDL
Vostede insiste en dar o protagonismo á xestión, como clave para calibrar a acción política. Fáganos un balance da súa xestión no que vai de mandato.
Ante unha Xunta de Galicia e un Executivo central que podemos cualificar de inexistentes en Lugo, este Goberno fixo que a Deputación sexa hoxe o motor económico e social da provincia, poñendo a disposición dos máis de 300.000 veciños dos 67 Concellos o que é seu, é dicir, os fondos públicos desta Deputación, os que, precisamente, lles nega o Partido Popular dende as administracións autonómica e estatal.
Durante os dous anos e medio que este Goberno leva á fronte da Deputación de Lugo, realizamos un silencioso, pero intensísimo traballo, que non tería sido posible sen a imprescindible colaboración dos traballadores desta institución, aos que o Partido Popular está a castigar sen razón. Xuntos acadamos un nivel medio de execución superior ao 80%, porcentaxe que está lonxe do 55% do Executivo Provincial do Partido Popular nos anos 2005 e 2006. En dous anos e medio, fomos capaces de inxectar no conxunto do territorio lugués un investimento de máis de 129 millóns de euros.
En que eixos se baseou o seu plan de goberno á fronte do organismo provincial?
En canto ás infraestruturas e os servizos públicos, destinamos 55 millóns á mellora de infraestruturas na totalidade dos 67 concellos da provincia, actuando en estradas, traídas de auga, rúas, centros sociais, e instalacións deportivas ou culturais. Fixemos que a Deputación liderase a obra pública na provincia, mellorando os servizos públicos aos nosos veciños, mantendo postos de traballos e dinamizando a economía do rural.
No tocante aos servizos sociais, achegamos máis de 31 millóns ao impulso do Estado do Benestar, xerando 1.500 novos postos de traballo, 10.000 prazas de Teleasistencia gratuíta e de Servizo a Domicilio a non dependentes, e colaborando co conxunto do tecido asociativo social da provincia no desenvolvemento de proxectos encamiñados a mellorar a calidade de vida dos nosos veciños, de xeito especial, aos que máis o necesitan, que son os maiores ou as persoas con capacidade diferentes. Fixemos que a Deputación sexa a administración que máis inviste na provincia en políticas activas de xeración directa de emprego e de fomento do benestar.
Hai aspectos da xestión que están moi en contacto con asociacións e axentes sociais. Cal foi o peso da cultura e do deporte no seu goberno?
Xunto ás actuacións xa referidas, investimos 28,5 millóns no fomento do turismo e da cultura, levando directamente aos 67 Concellos máis de 1.700 iniciativas e colaborando con máis de 500 colectivos. Somos, por excelencia, a institución que dinamiza social e economicamente a nosa provincia.
Por último, destinamos máis de 15 millóns ao impulso dos deportes, ofrecendo unhas 2.500 axudas a equipos profesionais e de deporte base en todas as modalidades, ou promocionando a actividade deportiva de máis de 200 entidades lucenses. Fixemos que a Deputación de Lugo sexa a primeira en Galicia e a terceira en España que máis inviste en deportes por habitante.
A preto dun ano para completar o mandato, como ve á Deputación de Lugo, e cal cre que ha de ser o papel desta institución?
O traballo deste Goberno dende todos os departamentos, coa inestimable implicación dos traballadores públicos desta Casa, fixo que esta administración sexa hoxe o corazón da provincia, unha Deputación coas persoas, sumamente social e rural.
Pregúntome que proxecto teñen para a provincia os que reproban todo canto levo explicado. Pese a non ter resposta en numerosas ocasións, insisto, como xa fixen publicamente, en facer un chamamento a todas e todos os Deputados á responsabilidade.
Temos unha marabillosa oportunidade de demostrar o valor da política, pero non pode ser cousa de un só ou dun único grupo. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A XXV Mostra dos Viños de Pantón celebrarase o 12 e 13 de maio

Seguinte Nova

O 20 de maio poñerase en marcha de novo o muíño de Bendilló

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: