O Concello de Monforte estará a débeda cero antes dun ano

•O alcalde anunciou que o exercicio do 2017 pechou cun superávit de case 2,2 millóns de euros

O alcalde de Monforte, José Tomé, e a concelleira de Facenda, Gloria Prada, explicaron os detalles da xestión económica, o pasado 19 de abril. GPCM
O Concello de Monforte está a pasar por un estado de bonanza económica, segundo os datos aportados polo alcalde, José Tomé. O rexedor local, acompañado pola concelleira de Facenda, Gloria Prada, anunciou que o Consistorio rematará o mandato sen débeda, «por vez primeira en moitos anos». Tomé precisou que o plan de xestión para o exercicio en curso prevé amortizar «toda a débeda que se arrastraba dende hai anos».
«BOA E RIGOROSA XESTIÓN ECONÓMICA»
O alcalde precisou os datos económicos do último ano. O exercicio de 2017 pechou cun superávit de 2.194.188 euros, “un feito que demostra que cumprimos co obxectivo de estabilidade orzamentaria e coa regra de gasto”. Tomé engadiu que no que vai de mandato, os remanentes de tesourería pasaron de 2.062.424 a 7.399.832 euros, o que supón, segundo o rexedor local, un incremento do aforro de 5.337.408 euros. Para Tomé, estas cifras constatan «que se vén realizando unha moi boa e rigorosa xestión económica”. O rexedor local explicou o por qué destes resultados. «Melloramos a recadación e reducimos o gasto corrente o mínimo necesario», precisou. Tomé destacou que, a pesares destas medidas, «fomos capaces de incrementar o gasto social, así como as inversións e as actividades culturais”.
O alcalde anunciou que o seu equipo de Goberno pretende «ir un paso máis e deixar o Concello en débeda cero» antes do fin de mandato. Con este fin, levarán a Pleno unha modificación de crédito para poder amortizar toda a débeda bancaria posible neste ano, 1.226.606 euros.
CRÍTICAS DA PORTAVOZ DO PP
A voceira do Grupo Municipal do Partido Popular, Julia Rodríguez, negou que o alcalde estea a facer «unha boa xestión». «O que fixo foi incrementar a presión fiscal sobre os monfortinos», precisou. Rodríguez lembrou que o alcalde «se negou a baixar a tasa do IBI», polo que «non debe sacar peito». Rodríguez criticou tamén que os remanentes de tesourería non se adicaran a proxectos como a praia fluvial, o Camiño de Inverno ou o saneamento de Calvos. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Recepción oficial no Concello de Monforte á atleta Saleta Fernández

Seguinte Nova

A XXV Mostra dos Viños de Pantón celebrarase o 12 e 13 de maio

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: