Un estudo da Deputación e o Eixo analizou a xestión municipal de residuos en 59 concellos

•Nesta edición medrou a participación, con nove concellos máis •A revisión, totalmente gratuíta para os concellos, analiza a prestación deste servizo municipal durante o 2016 ao 57% da poboación lucense •O obxectivo é mellorar a xestión de residuos en cada concello, segundo as súas características

Argelio Fernández Queipo, aínda como deputado de Medio Ambiente, e o técnico do Eixo Atlántico, Manuel Rodríguez, na presentación dos resultados do estudo na II Xornada sobre a xestión municipal de residuos na provincia de Lugo, celebrada o 22 de marzo. GPDL
 A Deputación de Lugo e o Eixo Atlántico presentaron, o pasado 22 de marzo, os resultados do estudo sobre a xestión municipal de residuos en 2016, referidos a 59 concellos. Os datos déronse a coñecer durante a celebración da segunda xornada sobre esta cuestión, organizada no Pazo de San Marcos, coa presenza de alcaldes e técnicos dos 59 municipios que se sumaron a esta iniciativa.
CONVENIO ENTRE A DEPUTACIÓN E O EIXO ATLÁNTICO
Argelio Fernández Queipo, responsable nesa data de Medio Ambiente, destacou a “boa acollida” desta iniciativa entre os concellos, xa que nesta edición medrou a participación. Así, nove municipios máis enviaron os seus datos para incluir na análise. O estudo, elaborado en virtude dun convenio entre a Deputación de Lugo e o Eixo Atlántico, co obxectivo de optimizar a xestión de residuos nos concellos da provincia, reducindo custos e fomentando a sostibilidade. Queipo precisou que os datos recollidos inclúen o servizo que se presta a un total de 191.676 lucenses, o que supón o 57% da poboación provincial.
NIVEIS BAIXOS DE RECOLLIDA DE PAPEL E CARTÓN
Un dos puntos do estudo destacados por Fernández Queipo foi o da recollida de papel e cartón, aspecto no que “hai moito camiño por andar”. A proposta do estudo é dar aos concellos “alternativas máis eficientes mellorando a calidade do servizo de recollida, e o seu control, optimizando os recursos”. Con todo, Queipo destacou o aumento do volume de papel e cartón na recollida selectiva, que nos municipios incluidos na análise pasou de 8,1 quilos por habitante en 2010 a 10 quilos en 2016.
EVOLUCIÓN “POSITIVA” NA RECOLLIDA SELECTIVA
Esta mellora nas cifras, que o responsable provincial de Medio Ambiente cualificou de “positiva”, rexistrouse tamén noutros aspectos da recollida selectiva. Así, en canto aos envases lixeiros, en 2010 recolléronse 6,6 quilos por habitante, mentres que en 2016 foron xa 8,2 quilos. As cifras referentes á recollida selectiva do vidro indican un aumento dende os 11,1 quilos por habitante en 2010 aos 16,8 quilos en 2016.
En total, nos 59 concellos analizados no estudo recolléronse 73.000 toneladas de residuos en 2016. Deste volume, 7.300 toneladas corresponden á recollida selectiva, o 11% do total. Do estudo tamén se desprende que o custo xeral da prestación do servizo de recollida de lixo nestes municipios suma 15,5 millóns de euros, incluíndo a recollida e o tratamento do lixo, así como os puntos limpos. En proporción, o custo medio por habitante acada os 61 euros. Para os concellos, o custo medio é de 185 euros por tonelada de lixo.
INFORMES INDIVIDUALIZADOS POR CONCELLOS
Durante a II Xornada sobre a xestión municipal de residuos na provincia de Lugo, os responsables municipais recibiron cadanseu informe, que incluiu o resultado da análise dos datos aportados, a resolución de dúbidas, e indicacións sobre a información incompleta. Ademais na xornada presentáronse exemplos de boas práticas.•

CONCELLOS ADHERIDOS NO SUR DE LUGO

•No sur de Lugo, enviaron datos para o estudo realizado pola Deputación e o Eixo Atlántico os municipios de Bóveda, Chantada, Folgoso do Courel, O Incio, Láncara, Monforte de Lemos, Pantón, Paradela, O Páramo, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, Samos, O Saviñao, Sober, Taboada e Triacastela

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Arranca a terceira edición do Espazo Coworking de Monforte, para impulsar 22 novos proxectos empresariais

Seguinte Nova

Monforte acollerá o 29 de abril o Campionato Galego de Voleibol cadete feminino

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

A %d blogueros les gusta esto: