Crónica del sur de Lugo

A Escola Oficial de Idiomas de Monforte ten en marcha un Ciclo de Cine aberto ao público

Cartel anunciador do Ciclo de Cine que organiza a Escola de Idiomas nos Multicines Hollywood. A entrada é gratuíta, previa recollida dos tickets na conserxería ou secretaría da Escola.
As películas son accesibles ao público en xeral, xa que están subtituladas en castelán.
(Imaxe cedida).

Durante os venres do mes de abril, a Escola Oficial de Idiomas de Monforte está a organizar un Ciclo de Cine en versión orixinal con subtítulos en castelán. Para asistir ás proxeccións, que teñen lugar nos Multicines Hollywood os venres ás 20,30 horas, só hai que recoller previamente a entrada de balde na conserxería ou secretaría da Escola.
Segundo explicaron dende o centro, a idea tomou forma nunha reunión do equipo directivo e os xefes de departamento da Escola de Idiomas. A iniciativa recibiu o apoio do Concello de Monforte na promoción, e do Cine Club A Calexa para os detalles organizativos. Todo o profesorado da Escola volcouse na selección das películas e na confección do material informativo, para deseñar unha carteleira que representase ben as catro linguas que se imparten na Escola de Idiomas de Monforte.
O ciclo iniciouse cunha película en alemán, “Toni Erdmann”, que se proxectou o venres 6 de abril cunha boa taquilla, algo que sorprendeu á organización, “xa que o alemán é unha lingua que domina pouca xente”.
O francés será o protagonista da sesión do venres 13, na que se proxectará o filme “Le premier jour de ta vie”. O Ciclo de Cine da Escola Oficial de Idiomas de Monforte complétase con dúas películas, “The Guard”, en inglés, o venres día 20, e “La grande Belezza”, cinta en italiano que porá fin ao calendario, o venres 27 de abril.
Xunto á calidade das películas escollidas, o Ciclo de Cine aporta unha boa oportunidade para aprender idiomas. Dende a Escola animan á veciñanza a visualizar películas en versión orixinal, “porque se aprende moitísimo”. “Acentos, vocabulario e frases enteiras, algo que sempre chama a atención e queda grabado na nosa memoria”, explican. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre CULTURA

     
Ir a Inicio