Crónica del sur de Lugo

A Unidade de Drogodependencias de Monforte trasladarase á Praza da Estación

•O servizo ocupará o coñecido como Cuarto dos Axentes, no edificio de Adif, que estaba sen uso e será acondicionado

O alcalde de Monforte, José Tomé, explicou o traslado da Unidade de Drogodependencias en rolda de prensa o 28 de marzo, xunto á concelleira de Sanidade, Pilar Espinosa. GPCM
A Unidade de Atención á Drogodependencia (UAD) de Monforte prestará os seus servizos nunha nova ubicación. Segundo adiantou en rolda de prensa o alcalde, José Tomé, será o antigo Cuarto dos Axentes, no edificio de Adif da Praza da Estación, a nova sede desta unidade. “Trátase dunhas instalacións ás que, ata o de agora, non se lles daba uso, polo que dende o equipo de Goberno decidimos darlle utilidade ós locais polos que o Concello paga un alugueiro”, explicou Tomé.
ESPAZO ALUGADO POLO CONCELLO DENDE 2011
Este contrato remóntase a xaneiro de 2011, segundo informaron dende o Concello. Dende esa data, o espazo non tivo uso ningún. “O pasado ano regularizamos os alugueres dos edificios que o Concello ten co Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (ADIF), o que incluía a nave do Museo do Ferrocarril e o propio cuarto dos axentes”, precisou o rexedor. Tomé salientou que, con este paso, “reducimos os custes do alugueiro e fraccionamos a débeda dos últimos anos do pasado mandato”.
OBRAS ATENDENDO ÁS NECESIDADES DOS TRABALLADORES DA UAD
Ademais, Tomé anunciou que o edificio vai ser acondicionado. O alcalde, acompañado pola concelleira de Sanidade, Pilar Espinosa, precisou que o edificio conta con varios andares, pero só se vai arranxar a planta baixa, para as funcións propias da Unidade.
A decisión de acondicionar esta área do edificio foi consensuada cos traballadores do Servizo de Drogodependencias. Dende o equipo de Goberno, preguntaron á plantilla da Unidade “para que manifestaran as necesidades de espazo, así como a súa distribución, e así llo requerimos á directora do Centro Asistencial”. Neste sentido, a distribución definitiva dos espazos de traballo tivo en conta a proposta da directora do Servizo, Ana María Fernández Sobrino, en representación de  todo o equipo da Unidade.
CONFIGURACIÓN DAS NOVAS INSTALACIÓNS DA UNIDADE DE ATENCIÓN Á DROGODEPENCIA
As futuras instalacións da Praza da Estación repartiranse na planta baixa do devandito edificio, cunha superficie total de 306 metros cadrados.Nos 265,70 metros de superficie útil, acondicionaranse 12 áreas, repartidas nunha sala de espera, dous baños, unha sala de terapias, un laboratorio, un taller, un almacén e cinco despachos. A maiores, e segundo apuntou o alcalde, haberá dous despachos máis, o que significa que “a superficie e a distribución do baixo dá unha resposta suficiente e axeitada ás necesidades”.
As obras de acondicionamento desta nova sede da Unidade de Atención á Drogodependencia custarán 90.000 euros, financiados con cargo ao Plan Único da Deputación. •
Tags:

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir a Inicio