Crónica del sur de Lugo

A Xunta pagou o ano pasado máis de 91 millóns da PAC na provincia de Lugo

•Preto de 12.500 gandeiros lucenses beneficiáronse desta axudas na anualidade que remata en xuño •A meirande parte deste gandeiros xa cobraron ata o 95% das achegas

O delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, na rolda de prensa na que fixo balance dos pagos das axudas da PAC, o pasado 9 de abril. GPDTL
O balance da xestión das axudas da Política Agraria Común (PAC) na provincia de Lugo rexistra o pago de máis de 91 millóns de euros na anualidade correspondente a 2017. No mesmo periodo, e segundo explicou en rolda de prensa o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, recibiron achegas da PAC preto de 12.500 gandeiros lucenses, a meirande parte dos cales, precisou, xa cobraron ata o 95% das achegas que se lles concederon.
ADIANTO DOS PAGOS
Balseiro puntualizou que o montante económico aboado aos gandeiros en 2017 incrementouse en máis dun 15% respecto ao ano anterior. O delegado explicou que a anualidade aínda segue aberta ata o 30 de xuño, xa que os pagos comezan a facerse efectivos o 1 de decembro do ano correspondente. Neste sentido, a Xunta empeza a xestionar o pago de anticipos con carácter previo.
MÁIS FACILIDADES PARA QUE OS MOZOS INCORPORADOS AO RURAL OPTEN A ESTAS AXUDAS
Logo do balance do ano pasado, Balseiro anunciou as liñas xerais da nova convocatoria de axudas da PAC para 2018, cuxo prazo de solicitude remata o 30 de abril. O delegado da Xunta en Lugo explicou as novidades que incorpora a orde de axudas. Desta volta, medra o importe do pago complementario para agricultores mozos na provincia de Lugo, pasando do 25% ao 50% do importe básico, e que se poderá desfrutar durante cinco anos. Ademais, para facilitar o acceso a estas axudas, flexibilízase o prazo para pedir a axuda respecto da data de incorporación ao rural. O ano pasado, solicitaron este complemento un total de 1.211 gandeiros menores de 40 anos.
AMPLIACIÓN DO ÁMBITO PARA ZONAS CON LIMITACIÓNS NATURAIS
Outra novidade desta quenda é a extensión a todos os concellos lucenses, agás Rábade, das axudas a zonas con limitacións naturais distintas da montaña, co que se incorporan a esta catalogación 10 concellos da Mariña.
SARRIA, A TERCEIRA COMARCA LUCENSE EN PORCENTAXE DE AXUDAS PAC
Por comarcas, a zona sur concentrou o 13,23% das axudas da PAC na provincia de Lugo, con algo máis de 12 millóns de euros. A comarca de Sarria captou o 14,8%, sumando un importe superior aos 13,5 millóns. A nivel provincial, a Terra Chá levou a maior porcentaxe, o 26%, seguida pola comarca de Lugo, co 18,03%.
CONTÍAS DAS AXUDAS DIRECTAS E ESPECIAIS DENTRO DA PAC DE 2017
Na provincia de Lugo, tramitouse na pasada anualidade o pago de 71.740.315 euros en concepto de axudas directas, así como outros 9.556.452 euros en axudas a explotacións de zonas con limitacións naturais.
A estas cifras, hai que engadir outros 10.483.422 euros correspondentes a axudas agroambientais e para impulsar a produción ecolóxica. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre EMPREGO

     
Ir a Inicio