Crónica del sur de Lugo

A Ribeira Sacra aguantou o mal tempo da Semana Santa cun 70% de ocupación

•Dende o Consorcio de Turismo dan por boa esta cifra, aínda que supón un 7% menos do previsto, debido á climatoloxía desfavorable

A Feira Medieval de Monforte, e os eventos enolóxicos de Amandi e Quiroga, supoñen importantes atractivos turísticos da Semana Santa no sur de Lugo. EC
A climatoloxía adversa non puido frear o interese dos visitantes por desfrutar da paisaxe e dos atractivos da Ribeira Sacra. Aínda que as previsións de reservas eran moi boas, dende o Consorcio de Turismo Ribeira Sacra dan como “bo resultado” o 70% de ocupación media, un 7% inferior ao que se esperaba, debido ás cancelacións de última hora. Por categorías, a ocupación máis alta rexistrouse nos hoteis de 3 e 4 estrelas, que acadaron un 77,34%, seguidos polo turismo rural, cun 69,40%. O resto dos establecementos remataron a tempada de Semana Santa cun 63,13% de ocupación.
O TURISMO RURAL SUPEROU AS EXPECTATIVAS NOS DÍAS CENTRAIS DA SEMANA SANTA
Por outra banda, dende o Consorcio de Turismo salientaron o pico de ocupación que se detectou durante os días centrais da Semana Santa, chegando ata o 89% no turismo rural, e acadando o 83% no total de establecementos. Estes datos permitiron ao turismo rural cumprir as expectativas e incluso, nalgún caso, superar as previsións.
A RIBEIRA SACRA, A ZONA DA PROVINCIA CON MÁIS VISITANTES NESTA SEMANA SANTA
Por zonas, e segundo os datos ofrecidos pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo (APEHL), a Ribeira Sacra foi  o territorio da provincia con maior número de visitantes, cunha media do 95%, seguida pola Mariña, cun 90%. Por detrás situouse Lugo, cun 85% de visitantes, dato que baixou ata o 80% nas comarcas de Terra Chá, Sarria e A Ulloa, e situouse no 70% na Montaña lucense.
OCUPACIÓN MEDIA NA PROVINCIA “MOITO MENOR” QUE EN ANOS ANTERIORES
A información aportada pola APEHL fala dun descenso xeralizado na provincia de case un 10% respecto aos visitantes da pasada Semana Santa. A causa, segundo explicaron dende a Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo, debeuse ás cancelacións por mor do mal tempo. Con todo, a ocupación media consignada pola APEHL foi do 83%, “moito menor” que en anos anteriores.
PROCEDENCIA
Entre os establecementos consultados pola APEHL, destacaron como días clave de ocupación o Xoves e o Venres Santo. As mesmas fontes confirmaron que o 98% dos visitantes que fixeron parada nestes días na provincia de Lugo procedían de Madrid, Cantabria e País Vasco.•

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre GALERÍA

     
Ir a Inicio