Crónica del sur de Lugo

A Deputación de Lugo asinou o convenio para a construción da residencia de maiores de Folgoso do Courel

•As instalacións, que ocuparán o solar da antiga escola de Folgoso, ofrecerán 30 prazas de residencia e outras 20 de centro de día

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, coa voceira socialista no Concello de Folgoso do Courel, Carmen Álvarez, comentaron os detalles do convenio para construir a residencia. GPDL
A Deputación de Lugo deu luz verde ao primeiro chanzo para a construción da residencia de maiores de Folgoso do Courel.
1,2 MILLÓNS DE EUROS DA DEPUTACIÓN, E 200.000 DO CONCELLO
O 23 de marzo, o organismo provincial aprobou o convenio para levar adiante este proxecto, cun investimento de 1,2 millóns de euros por parte da Deputación, mentres que o Concello aportará outros 200.000 euros. Ademais, o Consistorio cederá o solar e o edificio da antiga escola de Folgoso para levantar as novas instalacións. Pola súa banda, a Deputación, a maiores da aportación económica, encargarase da redacción do proxecto, así como da contratación e execución dos traballos.
Cando estea rematada, a nova edificación acollerá unha residencia con 30 prazas, e un centro de día con capacidade para 20 usuarios.
XUNTO AO CENTRO DE SAÚDE E DA FARMACIA
Dende o grupo do PSOE no Concello de Folgoso destacaron que esta iniciativa “vén cumprir cun punto recollido no noso programa electoral”, salientando ademais a ubicación da residencia, “que estará a carón do centro de saúde e da farmacia”. A voceira do grupo socialista en Folgoso, Carmen Álvarez, precisou que “cada investimento que recibe o noso municipio e que vén do Partido Socialista na Deputación ten como fin mellorar o benestar dos nosos veciños”.
LOLA CASTRO PIDE “MÁXIMA CELERIDADE”
Pola súa banda, a alcaldesa de Folgoso do Courel, Lola Castro, valorou a aprobación deste convenio provincial “que beneficiará a todos os veciños e veciñas da localidade”. Castro considerou que se trata dun “compromiso irrenunciable” co Concello, polo que instou á Deputación a axilizar os trámites “coa máxima celeridade”. A alcaldesa lembrou que este impulso ao centro de maiores non se tería conseguido “se non fora polo traballo feito por Elena Candia cando estivo ao fronte da Deputación”, e “polas demandas do Grupo Popular”. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre GALERÍA

     
Ir a Inicio