Crónica del sur de Lugo

Os postos da XVI Feira Medieval de Monforte chegarán ata as Clarisas e o Campo de San Antonio

•Presentaron o vídeo promocional do evento, do produtor monfortino Iván Patiño, e o cartel, deseñado por Xosé Quiroga

O alcalde de Monforte e a concelleira de Cultura, na presentación da campaña promocional da XVI Feira Medieval, co deseñador Xosé Quiroga e o produtor Iván Patiño. GPCM
• A XVI Feira Medieval de Monforte, que se celebrará os días 31 de marzo e 1 de abril, terá presenza máis alá das zonas habituais. Por primeira vez, a ambientación e espazos festivos chegarán ata o Campo de San Antonio e a Praza das Clarisas.
RÉCORD DE SOLICITUDES PARA PARTICIPAR
Así o explicou o alcalde de Monforte, José Tomé, na presentación da campaña promocional do evento, o pasado día 5. “Este acontecemento estase a consolidar cada vez máis”, apuntou o rexedor local, dado que nesta edición se recibiron 161 solicitudes para participar na Feira Medieval, a cifra máis alta dende a súa posta en marcha.
PROMOCIÓN “MÁIS INTENSA” ESTE ANO
O rexedor local falou tamén do impulso que, dende o Concello de Monforte, se está a dar á Feira Medieval. Para iso, dende o Consistorio están a facer unha campaña de promoción “máis intensa”, co cartel deseñado por Xosé Quiroga e o vídeo producido por Iván Patiño. A organización deste evento xa se iniciou no último trimestre do ano pasado, intensificándose, segundo precisou Tomé, neste mes de xaneiro.
PETICIÓN Á XUNTA PARA QUE DECLARE ESTA FEIRA COMO FESTA DE INTERESE TURÍSTICO DE GALICIA
Con este fin, o Concello de Monforte elevou unha proposta á Xunta de Galicia para que declare o evento como Festa de Interese Turístico. “Estamos á espera de resposta, pero aínda que non chegue a tempo para esta edición, o importante é que a resposta sexa positiva”, matizou o rexedor local.
En canto á campaña promocional, o vídeo realizado por Iván Patiño con imaxes da pasada edición da Feira Medieval pode verse no mupi do Cardeal, no Facebook do Concello de Monforte, e na web do Eixo Atlántico. A entidade distribuirá esta peza audiovisual aos 38 concellos da Eurorrexión.
CARTEL EN FEMININO
Pola súa banda, o cartel deseñado por Xosé Quiroga ten a unha muller como figura central, “solicitada expresamente polo Concello”, sinalou Tomé. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre EVENTOS

Ir a Inicio