Crónica del sur de Lugo

A campaña da Xunta para o Día Internacional da Muller promociónase cun cartel deseñado por estudantes de Chantada

•Os alumnos e alumnas de 4º ESO do IES Val do Asma foron os gañadores do Concurso Escolar de Deseño de Carteis

Un grupo de alumnos e alumnas de 4º ESO do IES Val do Asma, xunto ao conselleiro de Educación e o vicepresidente da Xunta, posan co cartel gañador do Concurso para ilustrar a campaña do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller. GPXG

• O cartel da campaña institucional da Xunta con motivo do Día Internacional da Muller foi deseñado polo alumnado de 4ºESO do IES Val do Asma. Os estudantes chantadinos lograron o primeiro premio no Concurso Escolar de Deseño de Carteis, convocado pola Xunta, e no que participaron alumnos e alumnas de 5º e 6º de Primaria e de ESO de 44 centros galegos.
Os galardóns foron concedidos por un xurado integrado por representantes da Secretaría Xeral de Igualdade, a Dirección Xeral de Educación, e por todos os membros da Comisión Asesora de Publicidade non Sexista.•

Actos por todo o sur de Lugo para celebrar o 8 de Marzo

• Os Concellos do sur de Lugo están a desenvolver diversas actividades en torno á celebración, o 8 de Marzo, do Día Internacional da Muller.
CONTACONTOS E TEATRO EN CHANTADA
Nos días previos a esta efeméride, o Concello de Chantada ten en marcha dous contacontos e un taller itinerante polos colexios da vila. Ademais, o Auditorio acolleu a proxección dun documental, e a Casa da Xuventude organizou dúas sesións de teatro e dramatización en torno á igualdade e ás historias de mulleres, ademais dunha exposición.
CHARLAS, TEATRO E DEPORTE EN SARRIA
En Sarria, o Concello ten en marcha a segunda edición do programa “Vivas e Visibles”, con actividades ao longo de todo o mes. No Paseo do Malecón, pode verse ata o día 31 a exposición “Esquecidas”. O deporte estréase nesta quenda, coa celebración da I Carreira da Muller, o sábado 10 de marzo. A programación inclúe dúas charlas-coloquio nos institutos, con Yolanda Díaz Gallego, e unha sesión de teatro na Casa da Cultura o día 14 ás oito da tarde. O 22 presentarase o libro “Invisibles. Relatos do maltrato”, de Montse Fajardo.
FOMENTO DO BENESTAR E IGUALDADE A TRAVÉS DA CULTURA EN MONFORTE
En Monforte, o Concello organizou varias actividades dende primeiros de marzo. Pensando no benestar, o programa ofrece un obradoiro de risoterapia, o 13 de marzo de sete a oito e media da tarde, no Centro Cívico do Malecón. O día 14 terá lugar a XI Charla de Prevención da Saúde na Muller, na que Aixa Permuy  falará sobre o pensamento positivo como forma de vida. Será na Casa da Cultura, a partir das oito.
A programación de Monforte ofrece máis actividades. O 9 de marzo pola mañá, o alumnado de primaria dos centros monfortinos poderán visionar no Centro Cívico o conto “Balbina López Somoza, unha muller para o 8 de Marzo”, e recibirán cadanseu exemplar do relato. Para o público adulto, haberá teatro o día 10, co grupo Teatreir@s, dende as oito na Casa da Cultura. O 15 de marzo, será a quenda para os máis cativos, cun contacontos na Escola Infantil Municipal dende as seis da tarde.
As iniciativas completaranse coa Mesa de Traballo no Concello, para elaborar o III Plan de Igualdade de Oportunidades municipal.•

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir a Inicio