Aberto o prazo para participar na nova edición do Campus de Emprendemento Sostible

•Esta iniciativa da Deputación deu lugar a 21 novas empresas na provincia de Lugo •O Campus tamén leva o emprendemento aos centros de ensino, con actividades en colexios e institutos

Foto de arquivo dos participantes nas sesións divulgativas en institutos dunha edición anterior do Campus de Emprendemento Sostible, promovido pola Deputación de Lugo. GPDL
• Ata o 5 de marzo está aberto o prazo para inscribirse no V Campus de Emprendemento Sostible, unha iniciativa da Deputación de Lugo para ofrecer a 40 lucenses formación e asesoramento cos que poñer a andar os seus proxectos empresariais. Segundo adiantou o deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, as edicións anteriores do Campus supuxeron a creación de 21 novas empresas na nosa provincia. Os interesados en participar na nova edición do Campus poden anotarse a través da páxina web www.deputacionlugo.gal.
O Campus ofrece 40 prazas, das que 20 corresponden á motivación empresarial, para tratar aspectos iniciais da posta en marcha dunha empresa. As outras 20 prazas inclúense na modalidade de maduración empresarial, na que se analiza caso por caso os proxectos de cada un dos participantes.
NOS 29 CONCELLOS DAS RESERVAS DA BIOSFERA DOS ANCARES E TERRAS DO MIÑO
Fernández Queipo explicou as características desta iniciativa da Deputación para fomentar as iniciativas emprendedoras, tendo en conta a sostibilidade medioambiental, e buscando fixar poboación no rural. Deste xeito, o Campus de Emprendemento Sostible ofrece a todos os lucenses, de xeito totalmente gratuíto, formación teórico-prática e asesoramento individualizado para poñer en marcha os seus negocios nos 29 concellos pertencentes ás Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. Fernández Queipo salientou que co Campus «contribuímos á posta en valor destes espazos naturais, coa promoción das súas oportunidades económicas».
O Campus organízase en sesións teóricas complementadas con visitas a empresas da contorna, nas que os participantes poden coñecer directamente as testemuñas doutros emprendedores.
EMPRENDER TAMÉN NA ESCOLA
Esta iniciativa da Deputación ofrece formación en emprendemento aos estudantes dos centros públicos lucenses non universitarios que contan con ensino superior en produción agropecuaria, xestión forestal e medio ambiente. Por vez primeira, tamén se está a ofrecer esta formación aos estudantes de Secundaria. •

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Máis seguridade no cruce das estradas autonómicas en Bóveda

Seguinte Nova

Xa se poden reservar prazas para as viaxes en catamarán pola Ribeira Sacra

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: