Crónica del sur de Lugo

O Goberno local de Sober instalará en Doade a primeira ecolagoa da Ribeira Sacra

•A función desta plantación é depurar, de xeito sostible e sen impacto paisaxístico, as augas residuais

Imaxe dunha ecolagoa similar á que o Concello de Sober vai instalar en Francos de Doade, mediante un humidal con plantas específicas que limpan a auga residual de xeito natural, sen cheiros nen insectos. GPCS
• O Goberno local de Sober está a levar a cabo a mellora do saneamento en varias parroquias do municipio. Este mes, remataron as obras en Viloudriz, cun investimento de 75.000 euros con cargo ao Plan Único que financia a Deputación de Lugo para as obras nos concellos.
Unha vez completada esta actuación, o Goberno local aprobou os plans de seguridade e saúde para o saneamento e depuración en Doade, Francos de Doade, Ferrón, Suairexa, Bolmente e O Piñeiro de Riba, que comezarán en breve.
OS HUMIDAIS COMO DEPURADORA, UN PROXECTO UTILIZADO NOUTROS PAÍSES
O proxecto estrela desta quenda é a instalación dunha ecolagoa en Francos de Doade, iniciativa pioneira na zona e que suporá a primeira unidade depuradora destas características que se pon en marcha na Ribeira Sacra. En España, este sistema de depuración por humidais non está consolidado, a diferencia do que sucede en Francia ou Inglaterra, países nos que xa se vén utilizando dende hai 30 anos.
LIMPAR A AUGA MEDIANTE PLANTAS DA LAGOA ARTIFICIAL
Segundo explicaron dende o Concello, trátase de depurar as augas residuais por medio dun sistema máis sostible. Unha ecolagoa é un humidal artificial no que medran plantas con propiedades específicas, como as espadañas ou os carrizos, que filtran a auga de xeito que quede lista para ser incorporada ao sistema hidráulico público. Segundo precisaron no Concello, a ecolagoa terá unha superficie de 5 por 8 metros, e irá instalada sobre un vaso escavado con protección, para impedir cheiros ou proliferación de insectos, e minimizar o impacto visual.
As vantaxes da ecolagoa non se limitan ao coidado do medioambiente. Dende o Concello de Sober van aproveitar esta instalación para crear unha guía didáctica coa que sensibilizar aos escolares sobre a importancia dos humidais para a conservación do entorno natural.
O proxecto da ecolagoa financiarase con 74.000 euros do Plan Único da Deputación.
400.000 EUROS PARA LEVAR O SANEAMENTO A VARIOS NÚCLEOS EN BOLMENTE
Outra das actuacións do Concello será en Doade, onde se iniciará a primeira fase da renovación integral do saneamento. Dos 140.000 euros destinados ao proxecto, 90.000 son fondos propios do Concello, e os outros 50.000 virán do Plan Único.
Por outra banda, en Bolmente instalarase a rede de saneamento en Ferrón, Suairexa, Bolmente e O Piñeiro de Riba, e a conexión de Cacedo e O Outeiro. As obras teñen un orzamento de 400.000 euros, financiados por Augas de Galicia. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir a Inicio