Núñez Feijóo visitou as instalacións da Cooperativa Aira en Taboada

•O presidente da Xunta afirmou que Aira é “un bo exemplo de todo o que se está a facer ben no sector agrogandeiro”

O presidente da Xunta e a conselleira de Medio Rural durante a súa visita á Cooperativa Aira en Taboada, acompañados dos directivos da entidade, o 2 de febreiro. GPXG

 

• As instalacións que a Cooperativa Aira ten en Taboada acolleron, a primeiros deste mes, a visita do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, acompañado pola conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez. A Cooperativa Aira organizou un acto público para dar a coñecer o balance dos últimos meses, logo da fusión levada a cabo en xullo do ano pasado coas cooperativas Agris, Cogasar, Coelplan e Icos. Na súa intervención, o director de Aira, Daniel Ferreiro, salientou que “se cumpliron plenamente os obxectivos”, que superaron os 96 millóns de euros, cando a estimación inicial rondaba os 93 millóns. Ademais, o director de Aira precisou que o investimento previsto para 2018 acada os 3,5 millóns de euros.
“O VELLO SOÑO DO COOPERATIVISMO GANDEIRO FEITO REALIDADE
Así mesmo, o presidente de Aira, José Manuel Tellado, lembrou que este é o resultado “da colaboración de moitas cooperativas máis pequenas”, e avanzou que Aira “está aberta a colaborar con máis na procura do mellor para os gandeiros socios”.
Tellado afirmou que a entidade “é un vello soño do cooperativismo gandeiro feito realidade”. O presidente de Aira fixo referencia ao proceso para dar luz verde a esta cooperativa, “que non foi doado, nin froito da improvisación, senón que foron precisas ducias de reunións”.
AIRA, “EXEMPLO DE APOSTA POLA INNOVACION, A PROFESIONALIZACIÓN E O VALOR ENGADIDO” NA EMPRESA AGRARIA
Pola súa banda, o titular da Xunta cualificou á Cooperativa Aira de “bo exemplo de todo o que se está a facer ben no sector agrogandeiro galego, de camiño á vindeira década”.  Feijóo destacou a aposta de Aira pola innovación e o valor engadido, a profesionalización e remuda xeracional nas empresas agrarias, e no traballo cara á integración e consolidación de economías de escala.
160.000 TONELADAS DE PENSOS O ANO PASADO
O presidente da Xunta, acompañado pola conselleira de Medio Rural e os responsables da entidade, coñeceu de primeira man o proceso de fabricación de pensos na planta de Aira en Taboada. A produción de pensos desta cooperativa en 2017 chegou ás 160.000 toneladas.
EIXOS DE ACTUACIÓN
Segundo precisou Daniel Ferreiro, director da entidade, a estratexia desta cooperativa baséase en garantir a sustentabilidade, ademais de valorizar a produción dos socios, e impulsar a comercialización. Ferreiro salientou que a Cooperativa Aira xa completou as melloras nos custes de produción, polo que agora está a encamiñar os seus esforzos “a poñer en valor a produción das explotacións dos socios, indo cara á transformación e á comercialización”.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Deputación acondicionará 18 quilómetros de viais en 5 concellos do sur

Seguinte Nova

Máis melloras nos viais urbanos de Monforte

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: