Crónica del sur de Lugo

Elena Varela e Carlos Rey, do Neka, acadan un bronce no Open de Lille de taekwondo

•É a segunda medalla internacional para o club Neka, que estivo representado con tres deportistas na selección galega

A parella formada por Elena Varela e Carlos Rey lograron a medalla de bronce en técnica no VI Open de Lille. (Foto cedida)

 

Os deportistas do Neka están a vivir un intenso comezo de ano, que ademais vai acompañado de resultados de alto nivel.
Na fin de semana do 20 e 21 de xaneiro, tivo lugar na localidade francesa de Lille o VI Open Internacional de Técnica e Freestyle, no que participou a selección galega. No combinado autonómico, estiveron polo Neka Álex Camba, Elena Varela e Carlos Rey. Camba e Rey competiron na mesma categoría, logrando os postos noveno e décimo cuarto, respectivamente, fronte a un total de 63 deportistas dos mellores de Europa, e na que participaba o potente equipo de Vietnam. Así mesmo, Elena Varela quedou no posto vinte, disputando unha categoría de 67 competidores. En freestyle, Varela mellorou o resultado, rematando sexta. En parella técnica, Varela e Camba acadaron o noveno posto.
O podio internacional chegaría da man de Elena Varela e Carlos Rey, que lograron o bronce en parella freestyle, por detrás de Vietnam e Dinamarca. “Un gran resultado xeral”, salientou o responsable de Neka, José Mª Vega, quen destacou esta medalla por ser o segundo metal internacional para o club monfortino.

 

Iria de la Fuente e Gael Trujillo conseguiron en parella un dos seis bronces logrados polo Neka no Campionato Galego. (Foto cedida)

A seguinte cita importante para o Neka foi o Campionato Galego de Técnica e Freestyle para adultos, proba que reuniu no Pavillón Municipal da Pinguela de Monforte a máis de 150 taekwondistas. Na competición,, o Neka participou con 16 deportistas, e sumou nove medallas.
O trío cadete de Iria de la Fuente, Sydney Rodríguez e Eva López acadou a medalla de ouro, e o pase á selección galega. Hai que sumar as pratas logradas por Álex Camba e Laura Álvarez, que estreaba categoría. Camba sumaría outro metal, neste caso un bronce, en parella con Elena Varela. Esta medalla entrou no triplete conseguido por Varela na proba autonómica, onde lograría outros dous bronces en técnica individual e en freestyle. Así mesmo, José Roca logrou unha medalla de bronce, na liña da lograda no Campionato de España en decembro. O medalleiro de Neka completouse co bronce conseguido en parella por Iria de la Fuente e Gael Trujillo, e o de Yasmín Rodríguez e Anxo Díaz. O Neka foi terceiro na clasificación xeral feminina de técnica.•

Tags:

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

     
Ir a Inicio