Crónica del sur de Lugo

Máis impulso ao Campus de Lugo da man da Deputación e a Universidade de Santiago

• Convenio de 400.000 euros entre as dúas institucións para “reforzar xuntos a educación pública e de calidade”

O reitor da USC, Juan Viaño; o presidente da Deputación, Darío Campos; e o vicerreitor do Campus de Lugo, Javier Bueno, na sinatura do convenio, o 22 de xaneiro. GPDL
• O pasado 22 de xaneiro, asinouse en Lugo o convenio entre a Deputación e a Universidade de Santiago, para desenvolver a quinta edición do plan de impulso do Campus de Lugo. O convenio está dotado con 400.000 euros, dos que 350.000 son achegados pola Deputación, e os restantes 50.000 apórtaos a Universidade.
REPERCUSIÓN “MOI POSITIVA”
Segundo explicou o reitor da USC, Juan Viaño, durante a sinatura do convenio, o plan de choque que están a impulsar a Deputación e a Universidade dende hai cinco anos “tivo unha repercusión moi positiva sobre a actividade do Campus lucense”. Viaño lembrou que “poder contar cunha educación superior pública e de calidade é un dos piares do Estado do Benestar”, así como “un indicador de que queremos ser un país desenvolvido que aspira a estar entre os mellores do mundo”.
BALANCE
Na mesma liña insistiu o presidente da Deputación, Darío Campos, ao sinalar “a aposta deste Goberno por unha educación pública de calidade, por ofrecer facilidades de acceso a ela, e por fomentar o Campus de Lugo, e a Lugo como cidade universitaria”. Campos Conde lembrou que o Campus lucense foi recoñecido como un dos mellores de España polo U-Ranking. O mandatario provincial puntualizou a vontade do seu Goberno de traballar “pola igualdade de oportunidades” na educación, aínda que as competencias directas nesta materia corresponden á Xunta.
Os asinantes do convenio fixeron balance dos logros alcanzados por este plan de impulso do Campus de Lugo. Dende o 2014, aumentou a taxa de ocupación das titulacións de Grao, pasando do 62,9% ao 70,5%. No mesmo periodo, foron 406 os estudantes de primeiro ano que se beneficiaron das bolsas da Deputación, coas que tiveron un desconto do 50% na primeira matricula do Grao. Ademais, houbo un incremento no número de estudantes internacionais, que representan na actualidade o 16% do total do alumnado do Campus de Lugo. Tamén se incrementou, nun 12%, o número de novos estudantes de Master. Outra das melloras foi o aumento do número de cursos de verán, ata sumar 65 en dous anos.•
Tags:

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre EDUCACION

Ir a Inicio