Crónica del sur de Lugo

•A XXXVIII Feira do Viño de Amandi estará adicada ao Concello da Pobra do Brollón, con Cristina Pato como pregoeira

•Na víspera, o sábado 24 de marzo, a intérprete e compositora ourensá dará un concerto na Casa da Cultura de Sober

A XXXVIII Feira do Viño de Amandi celebrarase en Sober o 24 e 25 de marzo de 2018. (Arquivo EC).
• Sober voltará a dar protagonismo á música no seu gran evento enolóxico anual. A XXXVIII Feira do Viño de Amandi terá como pregoeira este ano a Cristina Pato, unha das intérpretes e compositoras máis afamadas do panorama musical galego.
O CONCERTO DE SOBER, UN DOS POUCOS QUE DARÁ CRISTINA PATO EN ESPAÑA EN 2018
Ademais da súa intervención na Feira de Amandi o domingo 25 de marzo, a música ourensá ofrecerá un concerto na Casa da Cultura de Sober na tarde do sábado 24, nunha sesión na que Pato interpretará temas de gaita e tamén ao piano. Este concerto será un dos poucos que ofrecerá a intérprete en España durante o 2018.
A presenza desta música internacional servirá para realzar un evento xa de por sí destacado na axenda da nosa provincia. O alcalde soberino, Luis Fernández Guitián, amosou a súa satisfación por poder contar “cunha música de tan alto nivel, cun currículo espectacular”.
TRAXECTORIA INTERNACIONAL
Cristina Pato é recoñecida internacionalmente como mestra gaiteira, pianista clásica e educadora apaixonada, segundo a información aportada polo Concello de Sober. A súa traxectoria inclúe grandes escenarios por todo o mundo, así como a participación activa no Silk Road Ensemble de Yo-Yo Ma, ademais de exercer como
Asesora de Educación para o Silkroad Project.
En 1998, Cristina Pato marcou un fito na historia da música, sendo a primeira gaiteira en publicar un disco en solitario. Dende aí, iniciou unha intensa colaboración con diversos artistas en disciplinas como o World Music, o jazz, a música clásica e a experimental. Pato conta con seis discos como gaiteira solista, e outros dous como pianista, e participou en máis de 40 gravacións como artista invitada, unha delas nun album premiado cun Premio Grammy en 2008.•
A edición deste ano da Feira de Amandi terá como concello destacado á Pobra do Brollón. Deste xeito, a inauguración da Feira estará a cargo dunha adega deste municipio, honra que corresponderá á adega Guímaro en lembranza da súa matriarca, Concepción Pérez, falecida recentemente aos 99 anos, segundo informaron dende o Concello de Sober.
Como avance deste evento, a organización anunciou que está previsto contar con 25 adegas durante o evento que se celebrará a fin de semana do 24 e 25 de marzo.
ACTIVIDADES DURANTE O “MES DE AMANDI”
Así mesmo, o Concello de Sober vai desenvolver a xa tradicional axenda do Mes de Amandi. O arranque terá lugar o 24 de febreiro, coa presentación do cartel gañador do Concurso de Deseños, e que será a imaxe promocional deste evento. O Mes de Amandi ofrecerá xornadas técnicas e catas comentadas, ademais de música, a presentación dun libro de Ramón Sandoval, e unha xornada de maridaxe na Escola de Hostelería de Rosende. Esta última iniciativa conta coa colaboración da Indicación Xeográfica Protexida Vacún de Galicia.
Sober promocionará este evento na Feira Xantar, que se celebrará en Ourense do 31 de xaneiro ao 4 de febreiro.•

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre EVENTOS

Ir a Inicio