Preto de 900 mozos e mozas participaron nas actividades da Casa da Xuventude de Chantada en 2017

• O Centro ofrece servizos de información e asesoramento, ademais dun amplo programa de actividades formativas cada trimestre • A Casa da Xuventude funciona tamén como punto de encontro para mozos e mozas, con espazo wifi de balde e aula de informática, entre outros servizos

“Un menestrel na invernia” foi o título do evento, a cargo de Expressom Sauda, cun recital de lírica galego-portuguesa con exposición fotográfica na Casa da Xuventude o día 27. CXC

 

A Casa da Xuventude de Chantada serviu como punto de encontro, de formación e información para máis de 1.200 mozos e mozas.
TRES EIXOS DE ACCIÓN
Este Espazo Xove desenvolve unha intensa actividade en prol da xuventude en tres eidos. Por unha banda, ofrece información sobre diferentes aspectos de interese para o público xuvenil. Por outra, desenvolve unha variada programación formativa en cada trimestre. Ademais, a Casa da Xuventude proporciona aos mozos e mozas un entorno social e dinamizador, no que poder compartir as súas iniciativas e inquedanzas.
O servizo de información e asesoramento do Espazo Xove rexistrou máis de 330 consultas durante 2017. Ademais do programa de actividades do centro, os consultantes recibiron información sobre carnés xoves, estudos, viaxes ou actividades doutros centros. Así mesmo, continúa activo o programa de Correspondentes Xuvenís, mediante os que o Espazo Xove colabora cos dous centros de ensino secundario de Chantada.
ACTIVIDADES
Un dos aspectos máis salientables do Espazo Xove é a súa programación formativa, especialmente deseñada para as bandas de idade entre os 10 e os 30 anos, e que se renova trimestralmente. O ano pasado, impartíronse clases de pintura ao óleo, debuxo técnico, deseño gráfico, fotografía e fotoshop, modelado en barro ou cestería. Ademais, desenvolvéronse obradoiros de teatro, matemáticas máxicas, luz e son, monicreques ou reciclaxe, e a actividade “Enredad@s na rede”. A participación acadou as 400 persoas.
AULA DE INFORMÁTICA E ZONA WIFI DE BALDE 
Un total de 490 mozos e mozas disfrutaron do Espazo Xove como punto de encontro, onde puideron empregar de balde a aula de informática, a zona wifi e as salas de xogos de mesa. Os usuarios tamén dispuxeron de salas de reunión para traballos académicos en grupo.
A Casa da Xuventude tamén funciona como célula de dinamización cultural. Acolle varias actuacións, coas estreas da súa propia Aula de Teatro e obras doutros grupos, ademais de espectáculos musicais, exposicións, conferencias e accións divulgativas.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

En marcha ata o 30 de abril o Plan de Vialidade Invernal da Xunta

Seguinte Nova

Ata o 30 de xaneiro para participar no Certame de Coplas de Entroido de Sober

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: