O sur de Lugo pasou de 45 a 67 liñas de autocar nos últimos meses

•O novo plan da Xunta aumentou nun 48% as combinacións e frecuencias semanais do servizo público de autocar, segundo o balance presentado polo delegado en Lugo

O delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, ofreceu o balance do novo plan de transporte no sur lucense na estación de Monforte, acompañado pola voceira do PP, Julia Rodríguez. GPDTL
• A Xunta vén de implantar o novo plan de transporte público en autocar, que permitiu un aumento do 48% das combinacións de horarios e frecuencias á semana no servizo do sur de Lugo.
BENEFICIOS SOBRE TODO PARA OS RESIDENTES NO RURAL
Así o explicou o delegado da Xunta na provincia, José Manuel Balseiro, a finais de decembro, cando presentou en Monforte o balance dos primeiros meses da posta en marcha deste plan. Balseiro destacou o cambio dende as 45 liñas que ofrecía o contrato anterior, ás actuais 67. O delegado precisou que este incremento beneficia «sustancialmente» o servizo que se presta aos cidadáns do sur lucense, e en especial aos residentes no rural.
MELLORAS EN LIÑAS DENDE MONFORTE
Entre as principais melloras, Balseiro suliñou a creación da liña Monforte-Escairón, respondendo á petición dos concellos de Pantón e O Saviñao. Así mesmo, o delegado lembrou o reforzo que supón nas combinacións con Lalín, Lugo e Santiago.
A Xunta tamén atendeu ás demandas de veciños e concellos ao introducir modificacións na ruta Monforte-Currelos, con paradas en Monforte, Pantón e O Saviñao, e ao recuperar as frecuencias en Chantada.
O delegado salientou que estas medidas son unha «iniciativa extraordinaria» que tivo que poñer en marcha a Xunta como «consecuencia directa» da renuncia das concesionarias a seguir prestando o servizo en varias zonas da provincia.
VANTAXES DO SERVIZO DE TRANSPORTE ESCOLAR COMPARTIDO
José Manuel Balseiro tamén fixo fincapé no «pequeno incremento» no número de paradas debido á posta en marcha do transporte escolar compartido. Esta oferta, que permite aos veciños ocupar as prazas baleiras dos autobuses escolares, fixo posible pasar das 652 paradas ás 664 actuais na provincia.
Balseiro precisou ás «múltiples vantaxes» que supón o transporte escolar compartido. Por unha banda, permite aproveitar mellor os recursos públicos, ao tempo que se multiplica, segundo explicou o delegado, a cobertura territorial dos buses no rural. Esta medida tamén axuda a facer «economicamente viables» os contratos de transporte.
O sistema de reservas telefónica dá servizo no sur aos concellos de Carballedo, Chantada, Sarria, O Incio, Triacastela, Monforte, Pantón, Paradela, Quiroga e Sober. •

COMO RESERVAR PRAZA NO BUS ESCOLAR COMPARTIDO

•As persoas que queiran utilizar este servizo compartido deberán reservar por teléfono, no 988 68 78 00, antes das oito da tarde do día anterior á data de uso do autocar.
•No caso de festivos, a reserva deberá realizarse antes das oito da tarde do último día laboral anterior á data de uso do autobús.
•O teléfono 988 68 78 00 está operativo de luns a venres (excepto festivos), en horario de 8,00 a 20,00 horas. É o único teléfono válido para realizar estas reservas.
•Na chamada, pediranlle o seu número de DNI e a liña para a que quere anotarse.
•O operador asignaralle por teléfono ao usuario un código de reserva, que deberá anotar e presentar ao condutor do autobús.
•De non haber reservas, o autocar non se deterá na parada, polo que é preciso chamar con antelación.
•No caso de que finalmente non vaia viaxar, deberá anular a reserva telefonicamente, para liberar a praza en beneficio doutros posibles usuarios.
• O detalle das liñas, paradas e horarios está detallado na web www.bus.gal.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Os museos da Rede Provincial recibiron un 7% máis de visitantes en 2017

Seguinte Nova

O programa provincial Ben Empregado 4 xerou 500 novos postos de traballo en 2017

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: