Convenio entre Deputación e USC por 2 millóns para a Granxa Experimental do Campus Terra

•Ambas institucións presentaron o proxecto de construción na Granxa Gayoso Castro, logo da sinatura do acordo •As obras iniciaranse no primeiro trimestre de 2018 •A previsión é que a Granxa do Campus Terra estea funcionando no vindeiro curso

Presentación do proxecto da Granxa Experimental do Campus Terra, cos responsables da Deputación e do eido universitario, o pasado 4 de decembro. GPDL

• O proxecto da Granxa Experimental do Campus Terra vén de dar un importante chanzo coa sinatura do convenio entre a Deputación de Lugo e a Universidade de Santiago. Este convenio, por valor de 2 millóns de euros, permitirá a construción desta unidade no entorno da Granxa Gayoso Castro. A aportación do organismo provincial é de 1,3 millóns, cantidade que se destinará ás obras, e os restantes 740.000 euros achégaos a Universidade compostelana, para custear o equipamento.
Logo da sinatura do convenio, na que participaron o presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño Rey,  presentouse o proxecto dunhas instalacións públicas que serán «pioneiras» na provincia de Lugo. Campos Conde salientou tamén que está en marcha o proceso de contratación, con vistas a iniciar as obras no primeiro trimestre de 2018, para que a Granxa poida estar operativa no curso académico 2018-2019. A previsión é que as instalacións estean listas para a visita da Comisión da European Association of Establishments for Veterinary Education, na que se renovará a distinción internacional da Facultade de Veterinaria.
MÁIS RENDIBILIDADE PARA O LÁCTEO
O mandatario provincial explicou que o propósito da Granxa é «avanzar na redución dos custos de produción do leite, na automatización e na incorporación das novas tecnoloxías». Campos afirmou que este proxecto pretende combater «un dos principais problemas do sector lácteo, os baixos prezos do leite, e a falta de man de obra e de calidade de vida destes profesionais».
A Granxa Experimental incluirá cinco estruturas, que integran unha nave para 70 animais, outra para maquinaria, espazos para práticas do alumnado e laboratorio, así como fosas de purín e silos.•

AFRICOR Lugo promocionará o Centro de Recría entre 1.500 gandeiros lucenses

• A finais de novembro, quedou asinado o convenio entre a Deputación de Lugo e a Asociación Provincial de Gandeiros de Lugo para o Control de Rendementos (AFRICOR Lugo), para a implicación deste colectivo no proxecto do Centro de Recría de titularidade pública.
Na sinatura do acordo participaron o presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o representante da concesionaria do Centro e membro de Seragro, Rogelio Grille Barbeira, e o presidente de AFRICOR Lugo, José Carlos Vega Rodríguez. A primeira medida consistirá na promoción deste Centro entre 1.500 gandeiros lucenses. Para iso, os técnicos de AFRICOR, que se encargan do rexistro mensual dos datos de control leiteiro das 1.500 explotacións, van informar aos gandeiros das características do Centro e as vantaxes que pode reportar ás explotacións.
Neste sentido, Grille Barbeira destacou que o convenio vai permitir que se poida chegar a máis gandeiros da provincia, e salientou as vantaxes «económicas e de mellora xenética dos animais» que aportará o Centro.
Así mesmo, Vega Rodríguez cualificou o Centro de Recría como «unha oportunidade única para o desenvolvemento da cabana frisona de Lugo, unha das máis extensas de Galicia».•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Incio, Sober e O Saviñao, entre os concellos con novos investimentos provinciais

Seguinte Nova

Oito das 30 casas-niño galegas están en Lugo

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: