Crónica del sur de Lugo

A cooperativa Lemos acolleu unha xornada de empoderamento feminino

•A campaña “Atrévete contigo mesma” tivo como obxectivo concienciar ás socias desta entidade sobre as súas capacidades, e animalas a participar nos órganos de decisión

•A xornada de Monforte inaugurou o terceiro ciclo deste programa, organizado por AGACA e Obra Social La Caixa

A xornada tivo lugar nas instalacións da Cooperativa Lemos en Monforte, coa asistencia de 50 mulleres socias da entidade. (Foto: AGACA)

 

• A participación das mulleres na dinamización socioeconómica do rural protagoniza o novo ciclo de actividades que desenvolven por varias localidades a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) e Obra Social La Caixa. Monforte de Lemos acolleu a primeira das accións desta quenda, dentro da campaña “Atrévete contigo mesma”, cunha xornada sobre empoderamento feminino na Cooperativa Lemos, celebrada o 8 de novembro.
COOPERATIVAS RURAIS: MOITAS SOCIAS E POUCAS DIRECTIVAS
Un total de 50 mulleres socias da Cooperativa Lemos participaron nesta xornada. A campaña tivo como obxectivo concienciar ás asociadas deste tipo de empresas sobre as súas capacidades, e fomentar a súa participación nos órganos directivos. O programa integrou dúas sesións, de carácter teórico e prático. A primeira delas estivo a cargo de Ruth Rodríguez Ferreiros, técnica de AGACA e axente de igualdade de xénero, que falou sobre o papel da muller nas cooperativas agrarias. Na súa intervención, Rodríguez Ferreiros destacou o contraste que hai entre o elevado número de mulleres asociadas e a reducida porcentaxe de directivas. Segundo os datos aportados por AGACA, estas entidades rexistran un 49% de asociadas, mentres que nos consellos rectores a porcentaxe de mulleres baixa ata o 12%, con só un 3% de presidentas.
A intervención de Rodríguez Ferreiros completouse cun achegamento ás posibles causas deste desequilibrio.
MÁIS CONFIANZA NAS CAPACIDADES PROPIAS, E MÁIS FÓRMULAS PARA CONCILIAR
A continuación, tivo lugar unha actividade máis prática, guiada por Loli Couso Costa, técnica de AGACA e coach internacional certificada. As asistentes participaron nunha acción de grupo, na que puideron descubrir as aptitudes individuais, co fin de que cada muller poida identificalas, darlles visibilidade e, así, poñelas en valor. Na actividade prática tamén se reflexionou sobre os posibles obstáculos que impide ás mulleres asumir roles máis activos, fórmulas particulares de conciliación familiar e laboral, e solucións concretas que poden deseñar as propias cooperativas para contribuir á igualdade.
A xornada rematou coa intervención de Javier Rodríguez Mosquera, director da oficina de Caixa Bank de Monforte de Lemos, e José Manuel Rodríguez Fernández, xerente da Cooperativa Lemos.
A iniciativa “Atrévete contigo mesma” arrancou en 2015, da man da Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias e Obra Social La Caixa. Dende o seu inicio, a campaña contou cunha grande acollida, rexistrando a participación de máis de 500 mulleres.
Segundo precisaron dende AGACA, a presente campaña forma parte da súa colaboración coa Obra Social La Caixa para levar a cabo plans de acción social. Estes plans inclúen actividades para fomentar o envellecemento activo, a incorporación da mocidade á actividade agraria, e o fomento do consumo de almorzos saudables na infancia.•
Tags:

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Ir a Inicio