Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero: o sur de Lugo di non ao maltrato

A Torre da Homenaxe, un dos símbolos de Monforte de Lemos, luce estes días un gran lazo para sumarse ao rexeitamento da violencia de xénero na nosa sociedade. EC
• O sur de Lugo está a acoller un amplo programa de actividades con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, que se conmemora o 25 de novembro. Ao longo deste mes, e nas datas seguintes, están a ter lugar actos de sensibilización, moitos dos cales se organizan dentro da programación da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia.
Co lema “O máis grande de Galicia non se maltrata”, o departamento autonómico de Igualdade promove unha serie de eventos de concienciación social, a través da Rede de entidades locais en contra da violencia de xénero. A esta entidade están adheridos un total de 23 concellos da provincia de Lugo.
VIOLENCIA NAS REDES
Así, Monforte de Lemos, O Páramo, Samos, Ribadeo e Burela acollen obradoiros educativos sobre “Violencia de xénero e o novo contexto dixital”, para dar información aos adolescentes sobre os riscos de violencia vinculados ás novas tecnoloxías, como o sexting ou a ciberviolencia de xénero, entre outros.
DEFENSA PERSOAL
Así mesmo, en Chantada, Rábade e Barreiros haberá cursos de defensa persoal e autocapacidades, e de adestramento físico e psíquico para aprender a actuar en situacións de risco. Os cursos están impartidos por monitores especialistas da Federación Galega de Loita.
Por outra banda, Sarria, Láncara e Palas de Rei acolleron o espectáculo musical-pedagóxico “Hei estar vixiándote II”, sobre os roles de xénero nas cancións románticas.
CHARLAS E EXPOSICIÓNS
Bóveda, Quiroga e Pantón, entre outros municipios, van recibir a exposición “Á violencia de xénero dille… NON!”, para rexeitar condutas sexistas na mocidade, e a mostra “Cartas de Amor”, cunha visión da violencia de xénero a cargo de recoñecidos ilustradores.
Paradela e Ourol terán programas de asesoramento e terapia familiar, así como charlas informativas para vítimas da violencia de xénero.
Mondoñedo e Sober contarán con charlas sobre a trata de mulleres e nenas para explotación sexual, impartidas por persoal especializado na atención ás vítimas.•

VILAS E CIDADES, EN PÉ CONTRA A VIOLENCIA

• Ao longo do mes de novembro, as cidades e vilas do sur de Lugo están a desenvolver diversas actividades para sensibilizar contra a violencia de xénero. A divulgación entre a cidadanía e, especialmente, o traballo de concienciación entre a mocidade marcan as liñas de actuación.
En Monforte de Lemos, o sábado 25 de novembro ás sete da tarde terá lugar unha visita guiada á exposición “De berros e olladas”, a cargo de Marga Piñeiro Díaz, na Sala de Exposicións da Casa da Cultura. A continuación, terá lugar a acción artística “S/T. Muller-casa”, con Patricia Vaud, dirixida por Eva Freixeira Ferreira. O acto rematará coa lectura dun manifesto, a cargo da concelleira de Igualdade, Marina Doutón. Neste mesmo espazo, o luns 17 ás 11,30 horas haberá un obradoiro participativo do Fondo Galego de Cooperación, dirixido ao alumnado de 4º ESO dos centros de Monforte.
O xoves 30 ás 20 horas, o Centro do Viño acollerá a presentación do libro “As miñas fillas devolvéronme a vida”, de Inés Fernández Lamela.•

SENSIBILIZACIÓN NO DEPORTE

O Cafetería Polo, equipo senior masculino do CB Sarria, na campaña “Sarria en Negro”, organizada polo Concello. (F.cedida)

• O Concello de Sarria vén de sumarse, xunto a outros 75 municipios galegos, á efeméride do 25 de novembro. A campaña “Sarria En Negro” trata, un ano máis, de aumentar os “espazos libres de violencias machistas”, e concienciar á sociedade, en todos os eidos, para eliminar a violencia de xénero.
Un destes eidos é o deporte, que permite chegar directamente á mocidade, e implicar á cidadanía dende idades moi temperás sobre o respecto e a igualdade entre xéneros. Tamén un ano máis, o CB Sarria reservou na súa activa axenda un apartado especial para esta iniciativa social. Todas as categorías do club sarriao sumáronse á foto colectiva que organizou o Concello no Novo Chanto coas diversas asociacións e entidades deportivas da vila: S.D. Sarriana, Os Meigallos FS, Club de tiro San Xoán, Club Espiral, Club Xirandela, Club Aixa, Club Dhg Team, Club Padel Sarria e Running Sarria.  A camiseta negra co lema “Contra a violencia” fixo causa común entre todas as idades e disciplinas deportivas para loitar contra esta lacra social.•

O RESPECTO, COUSA DE TODOS

A campaña da Xunta deste ano permite, por vez primeira, personalizar os carteis para cada Concello. GPXG

• Para implicar a todos os Concellos de Galicia na loita contra a violencia de xénero, a Xunta elaborou por vez primeira unha campaña con carteis personalizados para cada un dos 313 municipios galegos. O lema da campaña é “O máis grande de Galicia non se maltrata”, e complétase coa quinta edición da andaina “Camiño ao respecto”.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Agader premiou a unha casa rural do Courel por dinamizar a zona cunha oferta de calidade

Seguinte Nova

Chantada terá un tractor para a roza financiado pola Xunta

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: