Crónica del sur de Lugo

O Círculo Saviñao continúa como referente dinamizador da comarca de Lemos

•Conferencias, teatro e música, ademais de exposicións de arte durante os meses de outono, seguen a facer desta asociación un dos referentes máis dinámicos da comarca de Lemos

Membros do grupo Teatreir@s de Monforte, ao rematar a posta en escea de O Avaro, no Auditorio Municipal de Escairón, dentro do programa Teatro de Outono no Círculo Saviñao. (Foto cedida).
• As propostas do Círculo Saviñao para os meses de outono inclúen aspectos lúdicos, participativos e de actualidade. O programa sitúa a esta asociación recreativa como un dos referentes máis importantes da dinamización sociocultural da comarca de Lemos.

 

Cheo absoluto no Círculo Saviñao para escoitar a conferencia que Encarna Amigo e Isabel Castro ofreceron o 20 de outubro sobre a reforma da Lei de Saúde de Galicia. (Foto cedida).

LEI DE SAÚDE
Ao remate do mes de outubro, a actualidade centrou o foro do Círculo Saviñao. Cunha sala abarrotada de xente, o día 20 tivo lugar unha conferencia sobre a reforma da Lei de Saúde de Galicia, a cargo de Encarna Amigo, reumatóloga no Hospital Universitario de Lugo (HULA) e deputada autonómica do Partido Popular, e Isabel Castro, directora de Enfermería do Hospital Comarcal de Monforte de Lemos. As relatoras gabaron o carácter participativo desta reforma, e a súa adaptación á realidade social da Comunidade. Amigo e Castro cualificaron de “alarmistas” moitas das declaracións realizadas nos últimos meses en relación ao futuro da Área Sanitaria de Monforte, xa que, segundo afirmaron no seu relatorio, a nova lei non vai supoñer perda de servizos para os pacientes. As relatoras insistiron en que o texto legal que se está a preparar suporá unha “importante mellora”, xa que se poderá dispoñer dos servizos dos especialistas da Área de Lugo, entre outros.

 

O grupo chantadino Faro Miño puxo en escea, o 5 de novembro, a obra “Langreira de Amor”, escrita por Amelia Ledo e María Xesús Danoz, baixo a dirección de Ramón Rodríguez Porto. (F.cedida).

 

A continuación, actuaron as rapazas do Girl Talk Sunsets, tamén de Chantada, cunha coreografía de gran actualidade. (Fotos cedidas).
TEATRO DE MONFORTE E CHANTADA
Xa no aspecto lúdico, o Círculo Saviñao continúa co ciclo Teatro de Outono, con especial atención aos grupos de teatro afeccionado. No Auditorio Municipal de Escairón, a formación monfortina Teatreir@s, dirixida por Paqui Abeledo, puxo en escea unha adaptación de O Avaro, un clásico de Molière que pon de manifesto os desastres derivados dun malsano amor polos cartos. Xa en novembro, abriu a carteleira do mes o grupo chantadino Faro-Miño Teatro, coa representación da obra Langreira de Amor, escrita por Amelia Ledo Vence e María Xesús Danoz, e dirixida por Ramón Rodríguez Porto. Ao remate, actuaron as rapazas do Girl Talk Sunsets de Chantada, cunha coreografía sobre temas xuvenís.
A música sempre ten un bo acomodo no programa cultural do Círculo Saviñao, nesta ocasión da man de Joxean Orbegozo, que trouxo a Escairón o seu Lorca de Amor Live Tour.•

 

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Ir a Inicio