Crónica del sur de Lugo

Recoñecementos institucionais ás iniciativas do Colexio La Merced de Sarria e ao IES A Pinguela de Monforte en prol da cultura galega

Alumnado do IES A Pinguela que participou no proxecto posa co director do instituto, Enrique Sampil; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; e o presidente da Fundación Antonio Fraguas, Justo Beramendi, o 4 de novembro. (F.cedida)

• Dende o 4 de novembro e ata o 17 de decembro, o Museo do Pobo Galego acolle a exposición elaborada polo alumnado do IES A Pinguela de Monforte, que foi premiada pola Fundación Antonio Fraguas. Baixo o título “Figuras de antonte e de onte. Figuras para o mañá”, o proxecto amosa a tradicións dos encintados ou esgrafiados que decoran casas do municipio de Sober. Este traballo, dirixido e coordinado por Manuel Vilar Álvarez, antigo profesor de Xeografía e Historia do centro monfortino, recibiu o ano pasado o primeiro premio do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, na categoría de ensino secundario.

O proxecto “Figuras de antonte e de onte”, elaborado polo IES A Pinguela, pode verse no Museo do Pobo Galego ata o 17 de decembro. (F.cedida)

Na inauguración da mostra, participaron alumnos e profesores do IES A Pinguela, acompañados polo seu director, Enrique Sampil, que recibiron as felicitacións do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e do presidente da Fundación Antonio Fraguas, Justo Beramendi, entre outras autoridades.
O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas trata de achegar aos escolares dos diversos niveis educativos ao patrimonio lingüístico e cultural galego. Esta iniciativa, promovida pola Fundación Antonio Fraguas en colaboración coa Consellería de Educación, premiou tamén o proxecto “Vedr@ medra”, do CPI Plurilingüe Vedra, na Coruña, que está exposto xunto ao traballo realizado polos alumnos monfortinos.

Representantes dos organismos e entidades galardoados cos Premios Camiño de Santiago 2017 que concede a Xunta de Galicia, no acto oficial celebrado o 24 de outubro. GPXG

Pola súa banda, o Colexio La Merced de Sarria vén de recibir un dos Premios Camiño de Santiago 2017 nun acto oficial celebrado na capital de Galicia o pasado 24 de outubro. Con estes galardóns, a Xunta recoñece a contribución dos diversos axentes da sociedade galega na preservación dos valores propios da ruta xacobea.
O evento, que tivo lugar no Hotel Monumento San Francisco de Santiago de Compostela, estivo presidido polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que fixeron entrega dos premios aos representantes das institucións premiadas.
O Colexio La Merced foi distinguido na categoría que recoñece actividades de carácter académico, investigador ou educativo, xunto coa Cátedra do Camiño de Santiago da Universidade de Torun, en Polonia.
Noutras categorías, foron premiadas a empresa de Tui Ideas Peregrinas, e a RedEmprendia, polas súas iniciativas de servizos. Tamén foi recoñecido o Concello de Melide, pola súa posta en valor e acondicionamento do tramo xacobeo ao seu paso polo municipio. En canto ás Asociacións de Amigos do Camiño, foron premiadas a Federación Española, e a Asociación de Amigos en Lugo.•

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre EDUCACION

Ir a Inicio