O presidente da Deputación non compareceu no Parlamento galego “pola nula colaboración e transparencia” da Xunta

•Campos Conde criticou que “despois de 2 anos, seguimos sen colaboración para abrir residencias, financiar o SAF básico ou equiparar os salarios dos bombeiros”

Imaxe de arquivo do presidente da Deputación de Lugo, en rolda de prensa. GPDL
• A comezos de novembro, estaba prevista a comparecencia do presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, no Parlamento galego para dar conta dos orzamentos do organismo provincial para o vindeiro ano. O mandatario socialista decidiu non comparecer, aínda que anunciou que o documento completo coas contas provinciais sería remitido á Cámara galega “con todos os detalles”. Campos Conde explicou os motivos polos que tomou esta decisión, e que teñen que ver coa actitude do Executivo galego en canto á xestión de servizos e impulso dos proxectos na provincia de Lugo.
MOTIVOS DA AUSENCIA DE CAMPOS NO PARLAMENTO
Dende o Pazo de San Marcos lembraron que a comparecencia das Deputacións no Parlamento autonómico para presentar os orzamentos é voluntaria. Neste contexto, Campos Conde xustificou a súa ausencia por dúas razóns. En primeiro lugar, o mandatario provincial baseouse na “nula colaboración institucional e económica” da Xunta de Galicia coa Deputación lucense. A continuación, Campos Conde apuntou á “total falta de transparencia e obxectividade” dos investimentos do Executivo autonómico, criticando que “a Xunta decide investir en tan só uns poucos concellos da provincia de Lugo de xeito discriminatorio e partidista”.
CAMPOS CONDE: “PROXECTOS SEN IMPULSAR EN LUGO POR FALTA DE COLABORACIÓN DA XUNTA”
Neste sentido, Campos Conde lamentou “levar dous anos comparecendo no Parlamento nun exemplo de absoluta transparencia e colaboración institucional, que nin é recíproca nin acadou ningún resultado”. O mandatario provincial criticou que a Xunta “non atendeu ningún dos 12 retos que lle planteei a Feijóo” na reunión que mantiveron hai meses ambos presidentes. Algunhas destas peticións referíanse á “necesaria colaboración” para a apertura de residencias da terceira idade, “xa que continúan a poñer trabas para conceder os permisos autonómicos obrigatorios por lei”.
Outra das obrigas que, segundo Campos Conde, non cumpriu a Xunta é a financiación do Servizo de Axuda no Fogar básico, “cuxos custos asume en solitario a Deputación de Lugo, cando hai unha sentenza que establece o cofinanciamento por ambas institucións”. Así mesmo, o presidente do organismo provincial criticou que o Executivo galego “non achegue a parte que lles corresponde para equiparar os salarios dos bombeiros de Lugo cos do resto das provincias”. Neste punto, Campos Conde afirmou que “hai un trato claramente discriminatorio por parte da Xunta con esta Deputación e, por tanto, coa provincia de Lugo”. Campos Conde comparou a aportación porcentual do Executivo autonómico nas provincias de Lugo e Ourense. Nesta provincia, a Xunta financia nun 61% os parques de bombeiros, fronte ao 50% dos de Lugo, “e si aumentou os salarios do profesionais” en Ourense, segundo o mandatario socialista. Campos Conde tamén adiantou que a Xunta aprobou recentemente un convenio coa Deputación ourensá por valor de un millón de euros, que se destinará a instalacións deportivas. Este tipo de achegas son asumidas en Lugo, segundo Campos Conde, pola Deputación, “a única administración que está a investir neste eido, cun esforzo de case dous millóns de euros”.
En canto á falta de transparencia e obxectividade da Xunta, o presidente da Deputación criticou que “nos enterarámos por publicacións puntuais” no Diario Oficial de Galicia “de que o Goberno galego repartiu antes das eleccións autonómicas, de xeito discriminatorio e partidista, 13 millóns de euros nuns poucos concellos, todos gobernados polo Partido Popular”.
Campos Conde explicou que “non imos ser cómplices” do Goberno galego, polo que van “predicar co exemplo”e remitirán o documento completo do Orzamento da Deputación de Lugo para 2018 “con todos os seus detalles”. O mandatario provincial salientou que os eixos destas contas serán de novo o impulso das infraestruturas, o emprego e o benestar “dos 67 concellos da provincia”. Campos Conde precisou que este documento recolle “unhas contas obxectivas e xustas” que responden “por igual ás necesidades dos máis de 300.000 lucenses”.•

•O PP lembra a Campos Conde a súa “obriga” de dar conta da xestión dos fondos provinciais

• A non comparecencia de Campos Conde no Parlamento de Galicia provocou varias reaccións políticas. O secretario de Organización do Partido Popular e deputado autonómico, Daniel Vega, afirmou “non poder entender nin comprender” esta actitude do mandatario provincial.
Vega lembrou a Campos que “as contas da institución luguesa tamén se financian cos impostos de todos os veciños”, polo que criticou que “queira negarlle a realidade ao Parlamento, que é a casa de todos os galegos”. O deputado do PP lamentou que o presidente provincial “prefira ser un cargo socialista a exercer a súa responsabilidade como máximo mandatario da Deputación lucense”, polo que está obrigado a dar conta da xestión dos fondos “que inviste e prevé investir” nos concellos da provincia. Vega apuntou que esta actitude “dista moito de ser transparente”, e criticou que, con esta decisión, Campos “só rinde pleitesía a unha parte do seu partido”.•

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*