Crónica del sur de Lugo

Os estudos técnicos para a futura autovía Nadela-Sarria e o acceso ao Porto Seco, nos Orzamentos da Xunta para 2018

•A terceira partida destacada para o sur lucense corresponde ao proxecto de acondicionamento da LU-651 en Folgoso do Courel

O presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, recibiu o proxecto de Orzamentos da Xunta para 2018, de mans do conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, o 20 de outubro. GPXG

• A finais de outubro, a Xunta presentou no Parlamento de Galicia os Orzamentos do ano 2018, que inclúen varias partidas para estudios técnicos referidos a infraestruturas no sur de Lugo. En concreto, a Xunta destina 750.000 euros ao proxecto correspondente ao acceso ao Porto Seco de Monforte, ademais de 250.000 euros para a conversión en autovía do corredor Nadela-Sarria. Un importe similar recibe o estudo para o acondicionamento da LU- 651 en Folgoso do Courel. Os Orzamentos presentados pola Xunta dan continuidade a cada un destes tres proxectos, contemplando un investimento de 4 millóns ata 2020 na referida estrada de Folgoso, outros 3,5 millóns no mesmo periodo para o acceso ao Porto Seco monfortino, e 14 millóns para a futura autovía de Nadela a Sarria dende 2019 en adiante.

MELLORAS NO ABASTECEMENTO DE AUGA EN PARADELA
Outro investimento destacado para a zona sur son os 350.000 euros que a Xunta destina ao municipio de Paradela, para a mellora da captación e da rede de distribución de auga nas parroquias de Cortes e San Xoán de Loio.
No resto da provincia, a Xunta vai investir en infraestruturas 450.000 euros no Plan Paradai, e 620.000 para o proxecto de mellora da LU-231 Begonte-Friol-Palas. O Executivo autonómico tamén dispón máis de 2 millóns de euros para solo industrial, 92.000 euros para a estación de autobuses de Vilalba, e 607.000 euros para rehabilitar vivendas en Becerreá.
AS PROVINCIAS DO INTERIOR, “PRIORITARIAS”
O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, presentou uns Orzamentos que medran un 2,9% respecto ao ano anterior, ata situarse nos 9.487 millóns. Esta cifra supón o orzamento máis alto dende 2010, e 1.100 millóns máis que en 2015.
En canto á distribución territorial, Valeriano Martínez defendeu que as contas autonómicas “apostan polo reequilibrio territorial”, xa que se inviste máis en Lugo e Ourense que nas provincias atlánticas. Así, o Executivo galego eleva un 9,8% o gasto por habitante en Ourense, e un 6,7% en Lugo, fronte ao 6,1% de Pontevedra e o 4,5% da Coruña.
SANIDADE, A CONSELLERÍA CON MÁIS ORZAMENTO
O reparto por consellerías sitúa a Sanidade como o departamento con máis dotación económica para 2018, con 3.861 millóns, seguido por Cultura e Educación, que contará con 2.391 millóns. A terceira gran partida corresponde a Política Social, que disporá de 701 millóns o vindeiro ano. Pola súa banda, a Consellería de Medio Rural ocupa o cuarto lugar en partida orzamentaria, con 495 millóns.
MANTEMENTO DAS REBAIXAS FISCAIS
Segundo precisou o titular de Facenda na presentación dos Orzamentos, o Executivo galego aumenta nun 6,6% os investimentos, e o gasto social medra en 202 millóns. Por outra banda, as contas da Xunta para o vindeiro ano manteñen as rebaixas fiscais iniciadas nos últimos exercicios, ás que hai que engadir as baixadas por xeración de actividade económica, e por contribuír á dinamización do rural e os cascos históricos.
Por último, Valeriano Martínez adiantou as previsións económicas da Xunta para 2018, que estiman un crecemento do 2,5% do PIB galego, superior á previsión para España, e unha baixada do paro ata o 14,2%.•

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre GALERÍA

Ir a Inicio