Crónica del sur de Lugo

Novas actividades no programa de outono do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra

• “A Caída da Folla na Ribeira Sacra 2017” incorpora rutas xeolóxicas por Quiroga e A Pobra do Brollón, así como actividades de cociña

Imaxe de arquivo das actividades do programa A Caída da Folla na Ribeira Sacra, para dinamizar a oferta turística do outono nesta zona. CTRS
• O outono como oportunidade para atraer turismo é a base do programa “A Caída da Folla na Ribeira Sacra”, que un ano máis está a desenvolver o Consorcio de Turismo. Segundo explicaron os seus responsables, esta programación vai dirixida a pequenos grupos, de xeito que se poida garantir o disfrute de cada experiencia. As actividades están deseñadas para sacarlle o máximo partido á paisaxe e ás sensacións que evoca a tempada de outono, ao tempo que se incorporan novidades.
KAYAK, FOTOGRAFÍA E RUTAS
Do 12 de outubro ata o 12 de novembro, están en marcha un total de sete actividades rotatorias. O programa mantén as exitosas experiencias de recollida de setas, fotografía paisaxística e percorridos en kayak. A actividade denominada “Cestas, e ao bosque!” terá lugar o 29 de outubro e o 5 de novembro. Os amantes da fotografía na natureza poderán disfrutar da actividade “Paisaxes de outono” o 29 de outubro e o 4 de novembro. Os deportes acuáticos serán os protagonistas os días 28 de outubro e 12 de novembro, coas rutas en kayak da actividade “Outono a vista de río”.
Ademais, esta edición estreouse o 12 de outubro cunha das novidades, as rutas xeolóxicas por Quiroga e A Pobra do Brollón. A segunda quenda da actividade “Xeólogos por un día”, terá lugar o 22 de outubro.
CONSERVAS, XOGUETES E PRATOS FEITOS CON PRODUTOS DO OUTONO
Outra novidade é a denominada “Recursos silvestres cos seis sentidos”, que anima a sacarlle todo o partido ás prantas e froitos da Ribeira Sacra, elaborando conservas, cremas e xoguetes con estes elementos naturais. A actividade desenvolverase os días 28 e 29 de outubro. A cociña protagonizará o programa do 4 e 11 de novembro, datas nas que se desenvolverá o “Masterchef Rural Castañas e Carriozas”, aproveitando os sabores de outono para preparar pratos a base de castañas. •

•O CONCELLO DE PANTÓN REALIZOU MELLORAS NO MIRADOIRO DE PENA POMBEIRA.

Os traballos, levados a cabo coa colaboración da Secretaría de Turismo da Xunta de Galicia, serviron para mellorar a accesibilidade a este punto de interese turístico. Deste xeito, o miradoiro conta cun acceso en condicións, elemento importante para que os visitantes poidan achegarse ao punto máis alto do municipio, segundo destacaron os responsables municipais. Ademais, o miradoiro está integrado na ruta de sendeirismo A Cruz-Pena Pombeira, de trazado circular, polo que poderá ser aproveitado tamén polos camiñantes como punto de encontro. Este itinerario percorre as zonas de Pombeiro e Frontón, con dúas variantes de 8,5 e 11 quilómetros, ambas de dificultade media-baixa.
Os traballos de acondicionamento do miradoiro incluíron tamén a habilitación dun espazo para aparcadoiro.•

•ALTA OCUPACIÓN NA RIBEIRA SACRA DURANTE A PONTE DO PILAR.

Segundo os primeiros datos ofrecidos dende o Consorcio de Turismo, a ocupación rozou o cheo total nos hoteis de 3 e 4 estrelas, que acadaron un 98,5%. As cifras foron tamén moi positivas no turismo rural, que rexistrou unha ocupación do 96%. No resto de establecementos, a porcentaxe de pernoctas foi do 82%. A comparativa coa ponte do 1 de novembro de 2016, ano no que o festivo do 12 de outubro caeu en mércores, deixa unhas cifras positivas, xa que a ocupación medrou un 7%.•

•O CONSORCIO DE TURISMO RECLAMA Á DEPUTACIÓN O MANTEMENTO DO SERVIZO DE CATAMARÁNS ATA DECEMBRO.

O presidente do Consorcio, Luis Fernández Guitián, enviou unha carta ao organismo provincial solicitando que reconsideren a decisión de pechar a tempada de rutas fluviais o vindeiro 29 de outubro. Guitián propón que este servizo se manteña, alomenos, ata o 10 de decembro.•

•AS RUTAS DO ROMÁNICO ACADAN UN 45% MÁIS DE VISITANTES QUE O ANO PASADO.

O Consorcio de Turismo Ribeira Sacra presentou o balance das Rutas Guiadas do Románico, un programa que se desenvolveu dende o 27 de xuño ata o 7 de outubro. As visitas organizáronse en cinco rutas, de martes a sábado, cubrindo os principais trazados da arte románica na Ribeira Sacra, e incorporando en cada un outros puntos de interese cultural. O programa sumou un total de 1.195 participantes, o que supón un 45% máis de usuarios que na pasada edición.
A ruta máis demandada foi a de Pantón e Sober, con 385 visitantes. O itinerario iníciase no Mosteiro de Ferreira, e continúa polas igrexas de San Miguel de Eiré, San Fiz de Cangas e Santa María de Proendos, para rematar no mirador de Santiorxo.
A segunda ruta con mellor demanda, cun total de 347 visitantes, foi a do Saviñao, que parte de Santo Estevo de Ribas de Miño, e continúa polo trazado do río visitando as igrexas de Santa María de Pesqueiras e Seteventos, e complétase no dolmen de Abuime.
Dende o Consorcio destacaron a subida no número de visitantes da ruta de Carballedo-Chantada, ata sumar 218 usuarios, así como a boa acollida das visitas guiadas que se organizaron en xullo e agosto aos mosteiros de Santo Estevo e Santa Cristina de Ribas de Sil, e ao conxunto de San Pedro de Rocas, con 125 visitantes.•

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Ir a Inicio