A campaña de vacinación contra a gripe comeza o 23 de outubro

•Coa vacina, búscase reducir o número de afectados e a gravidade das posibles complicacións

As persoas pertencentes a grupos de risco poderán vacinarse ata o 29 de decembro. Arquivo EC
• O 23 de outubro iníciase en Galicia a campaña de vacinación contra a gripe, que se prolongará ata o 29 de decembro. Segundo explicou o director xeral de Saúde Pública, Andrés Paz, a Consellería de Sanidade mercou 30.000 vacinas máis que o ano pasado, o que supón un total de 560.000 doses antigripais, coas que se pretende mellorar os resultados da campaña anterior ampliando a cobertura. Desta partida, 250.000 doses corresponden á vacina reforzada, que vai destinada a persoas ingresadas en residencias da terceira idade, e a persoas maiores de 75 anos. As demais doses, un total de 310.000, ofrecen a vacina antigripal convencional, destinada á poboación en xeral a partir dos 6 meses de idade. O orzamento destinado pola Xunta á campaña é de 1.956.240 euros.
MINIMIZAR O IMPACTO DA GRIPE NA POBOACIÓN, E INCREMENTAR A COBERTURA NOS GRUPOS DE MAIORES E DE SANITARIOS
Andrés Paz precisou que o obxectivo xeral da campaña de vacinación é minimizar o impacto da gripe entre a poboación, reducindo o número de casos e tamén diminuíndo as posibles complicacións derivadas desta enfermidade. Ademais, a campaña ten como obxectivo específico promover activamente a vacinación para aumentar a cobertura nos diversos grupos de risco. Por unha banda, preténdese acadar unha cobertura igual ou superior ao 65% na poboación a partir dos 65 anos. Por outra, a campaña tratará de chegar a máis do 40% de cobertura entre o persoal sanitario.
900 PUNTOS DE VACINACIÓN EN TODA GALICIA
O director xeral de Saúde Pública precisou os detalles da campaña deste ano. Sanidade dispón de 900 puntos de vacinación por toda Galicia, xa que a vacina estará dispoñible en centros de saúde e hospitais da rede pública, así como en centros sanitarios privados, residencias da terceira idade, e residencias doutros colectivos susceptibles de ser incluídos dentro dos grupos de risco, así como en centros penitenciarios.
GRUPOS DE RISCO NA CAMPAÑA DE VACINACIÓN
O director xeral de Saúde Pública explicou que a definición dos grupos de risco mantense como nas pasadas campañas. Así, a vacinación promoverase entre as persoas a partir de 60 anos, ou en menores desta idade que presenten patoloxías crónicas, enfermos de cancro e con outras inmunodeficiencias, pacientes con obesidade mórbida, ou con disfunción cognitiva, entre outras doenzas. Tamén se consideran destinatarios da campaña as persoas con posibilidade de transmisión da gripe a grupos de risco, como o persoal sanitario e os traballadores esenciais para a comunidade.
O día a día da campaña poderá seguirse a través dunha páxina web que activará a Consellería de Sanidade.•

•O conselleiro de Sanidade cualificou de “excelente” o programa galego de vacinacións

Vázquez Almuíña durante a súa intervención na XIX Xornada Central de Formación en Vacinas, o 7 de outubro. GPXG

• O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, afirmou este mes que o programa de vacinacións de Galicia é “excelente, tanto polas vacinas que oferta como por ser universal e gratuíto”. O titular autonómico fixo estas declaracións no transcurso da XIX Xornada Central de Formación en Vacinas, celebrada en Santiago o 7 de outubro. Vázquez Almuíña sinalou tamén o carácter “innovador” do programa galego, polo que foi tomado como referencia noutras Comunidades, en concreto por introducir a vacina fronte ao meningococo C, e por desenvolver o programa piloto de vacina conxugada contra o pneumococo.
O conselleiro salientou a importancia do “esforzo diario de actualización por parte de todos” nun sector “en permanente innovación”, para poder ofrecer a vacina máis adecuada, e a educación e información sobre esta á poboación.
Almuíña amosouse “orgulloso” da “ampla aceptación” que as vacinas teñen na sociedade galega, “como o amosan as altísimas coberturas do calendario de vacinación infantil”.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Os 6 GDR da provincia de Lugo xestionarán preto de 3 millóns ata finais de 2018

Seguinte Nova

A residencia SARquavitae de Bóveda cumpliu cinco anos

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: