A Deputación destina 250.000 euros para arranxar 13 rúas e 31 camiños rurais en Monforte

•Tamén financiará melloras nun acceso rural en Taboada

O vicepresidente da Deputación, Manuel Martínez, explicou os investimentos provinciais en Monforte e Taboada.
GPDL
• A Deputación de Lugo vén de aprobar un investimento de máis de 270.000 euros para mellorar rúas urbanas e camiños rurais nos municipios de Monforte e Taboada.
APOSTA POLA IGUALDADE DE OPORTUNIDADES «VIVAS ONDE VIVAS»
Segundo explicou en rolda de prensa o vicepresidente da Deputación, Manuel Martínez, os traballos que financiará o organismo provincial incluirán bacheo e acondicionamento do firme con aglomerado en quente, ademais da limpeza das cunetas nos camiños rurais. «A través destas actuacións, dende o Goberno provincial continuamos a mellorar as infraestruturas e comunicacións na provincia», salientou Martínez. O vicepresidente provincial lembrou a «aposta» deste Executivo «por unha Deputación rural, que traballa pola igualdade de oportunidades vivas onde vivas».
OBRAS EN TABOADA
Martínez explicou que a Deputación destinará 17.500 euros para mellorar o acceso ao núcleo de Serén dende a LU-P-1809, na parroquia de Piñeira, en Taboada. Esta actuación mellorará un tramo de 400 metros, que servirá para dar continuidade ao pavimento que xa se acondicionara no primeiro treito deste camiño.
250.000 EUROS DA DEPUTACIÓN E 135.000 DO CONCELLO DE MONFORTE
Será Monforte quen reciba a maior partida deste investimento provincial. A Deputación destina a este municipio 250.000 euros para cofinanciar obras de mellora en 13 rúas urbanas e 31 viais do rural, actuacións para as que o Concello de Monforte aportará 135.000 euros.
Segundo destacou Martínez, as obras na rúa Zapardiel mellorarán o acceso ao parque, ao instituto Río Cabe e tamén a pequenas rúas de paso entre as vivendas. O vicepresidente destacou as actuacións na Aceña Nova, unha área de Monforte que experimentou un considerable aumento de poboación, e no que se financiarán tanto melloras no saneamento como no firme da rúa. Así mesmo, Martínez precisou que os traballos que se van realizar no acceso lateral do Cemiterio Municipal resolverán o importante deterioro do firme producido polo tráfico de vehículos pesados, nunha zona que acolle varias empresas de materiais de construción.
O vicepresidente destacou que o acondicionamento da rúa Xoán Montes mellorará o tráfico de acceso polo primeiro treito dende o Morín, vial de entrada á cidade, así como ao Porto Seco e ao Museo do Ferrocarril de Galicia. Nesta zona, tamén se mellorará a rúa Chamoso Lamas, que comunica Rioseco coas Cruces. No barrio da Estación, as obras extenderanse por Pardo Bazán, Padre Feijóo e Noriega Varela.
Por outra banda, Manuel Martínez salientou a obra prevista en Doutor Fleming e Ponte dos Picos, rúas semirurais que se dotarán por vez primeira de aglomerado en quente. Esta mellora é importante, segundo Martínez, porque estes viais son moi utilizados para saír á N-120 evitando o tramo de semáforos.
Coa actuación na rúa Muíños de Antero completarase a rehabilitación integral deste vial, dividido por un paso a nivel. Así mesmo, Martínez explicou que as obras en Filgueira Valverde beneficiarán ao tráfico nunha zona de gran mobilidade, con máis de 30 vivendas e negocios. Así mesmo, na estrada de Piñeira instalarase un redutor de velocidade, nun tramo que xa rexistrou varios accidentes.•

•ARRANXOS NAS PARROQUIAS

No rural, a Deputación financiará o arranxo de 31 accesos en 12 das 26 parroquias monfortinas, o que supón un total de 12 quilómetros.
Na parroquia de Penela, melloraranse a estrada da Escola e a das Pereiras, e na de Reigada, as rúas Potillón e As Fontes. Na parroquia das Fontes, os arranxos faranse no camiño do Mato, da Fonte Vella e das Fontes, mentres que en Distriz se actuará nos camiños 1 e 2 a Babela, e no camiño das Pozas. As melloras en Piñeira terán lugar na rúa Ourense, pista do Rei e rúa Regueira. En Marcelle, vanse arranxar as pistas do Seixo, Vilanova, Palleiros e Mirador.
Na parroquia de A Parte, actuarase en Probeiros e Caseiro, mentres que en Santa Mariña arranxarán a rúa Hortos. En Caneda, as melloras serán nos catro camiños de Vao, e no camiño da Redonda, xa no núcleo de Monforte. En Ribasaltas, vaise mellorar o camiño da Quintela, e as rúas Taboada e Prodeme en Seoane. Por último, na Santa Mariña faranse arranxos no Campo da Festa, Calvos a Torre e a zona do campo de tiro.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Representantes da Federación de Ateneos de Cataluña visitaron o Círculo Saviñao

Seguinte Nova

Doble sesión formativa de baloncesto de alto nivel en Sarria

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: