Xunta e Concello de Pantón mellorarán os accesos ás parcelas de viñedos

•Ademais, Pantón contará este ano con máis de 79.000 euros para a mellora de camiños municipais

A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, recibiu ao alcalde de Pantón, José Luis Álvarez, o pasado 13 de outubro. GPXG
• A Consellería de Medio Rural impulsará diversas melloras na rede de accesos a parcelas vitícolas no municipio de Pantón. Este foi o resultado da reunión mantida polo alcalde, José Luis Álvarez, coa titular deste departamento autonómico, Ángeles Vázquez, en Santiago o pasado 13 de outubro. Segundo explicaron dende Medio Rural, as melloras beneficiarán sobre todo á zona de Pesqueiras.
COLABORACIÓN EN MÁIS ASPECTOS
O propio alcalde de Pantón presentou esta iniciativa á conselleira, que se comprometeu a dar luz verde a diversas accións nesta liña. Ademais, Vázquez acordou estudar a posibilidade de achegar fondos ao Concello de Pantón para dotalo con maquinaria de roza, que se empregaría para limpar predios co obxectivo de evitar incendios forestais.
Outro dos aspectos tratados na reunión en Santiago foi a colaboración da Xunta no plan de mellora de camiños rurais. Este ano, o municipio de Pantón disporá dunha partida de case 79.300 euros, resultante da aplicación dos criterios obxectivos e consensuados pola Federación Galega de Municipios e Provincias.
Dende a Consellería lembraron que a Xunta destina á provincia de Lugo máis de 4,1 millóns de euros para acondicionar camiños municipais. O plan de mellora destes viais forma parte da estratexia da Xunta para fixar poboación no rural e mellorar a calidade de vida dos seus habitantes.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Sober e Monforte foron saída e meta da V Marcha Ciclista Unificada de Special Olympics

Seguinte Nova

Representantes da Federación de Ateneos de Cataluña visitaron o Círculo Saviñao

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: