Monforte mobilizouse para defender a súa Área Sanitaria

•Miles de persoas secundaron a manifestación do 8 de outubro, convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública e a Xunta de Persoal do Hospital de Monforte

Representantes de PLADESAPU e a Xunta de Persoal abrían a manifestación que percorreu Monforte ata a Praza da Compañía, onde a voceira da Plataforma deu lectura a un comunicado. EC

Representantes locais e autonómicos dos partidos agás o PP, así como formacións sindicais, secundaron a mobilización en Monforte. EC

Os convocantes da manifestación celebrada na tarde do domingo 8 de outubro en Monforte pedían ao Goberno da Xunta a retirada do anteproxecto de Lei que modifica varios artigos da Lei de Saúde de Galicia. O novo texto suprimiría a Área Sanitaria de Monforte para convertela en distrito dependente da Área de Lugo, o que levantou as sospeitas de colectivos e partidos da oposición sobre as posibles consecuencias negativas para a prestación dos servizos no sur de Lugo. EC
A sombra da privatización dos servizos sanitarios tamén percorreu os ánimos na manifestación, con pancartas en contra. EC
Colectivos pertencentes a varios puntos da provincia de Lugo e do resto de Galicia sumáronse á manifestación de Monforte en contra do anteproxecto de Lei de Saúde. EC
A manifestación partiu con retraso dende o Campo de San Antonio, onde se congregaban numerosas persoas procedentes de varias parroquias de Monforte, que portaban pancartas en contra da supresión da Área Sanitaria e da xestión provincial dos servizos sanitarios no sur de Lugo. Na mobilización de Monforte tamén se esixiu un servizo de Pediatría para Chantada. EC

• Miles de persoas participaron o domingo 8 de outubro na manifestación convocada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monforte e a Xunta de Persoal do Hospital, para pedir a retirada do anteproxecto de Lei de Saúde de Galicia, que suporá a conversión da Área Sanitaria de Monforte en distrito dependente de Lugo.
A mobilización foi secundada por representantes de colectivos en defensa da sanidade pública procedentes de varios puntos de Galicia, así como por formacións sindicais e por representantes dos partidos políticos, agás o Partido Popular, tanto locais como autonómicos.
Ao día seguinte á mobilización, a portavoz do Partido Popular en Monforte, Julia Rodríguez, explicou en nota de prensa que o anteproxecto estivo exposto ao público no portal de transparencia da Xunta, «polo que as persoas convocantes da manifestación tiveron a oportunidade de facer as súas alegacións». Rodríguez salientou que o anteproxecto «ten moitas cousas boas para os pacientes e para os usuarios do hospital de Monforte». Por iso, demandará que a Xunta considere «as alegacións que se teñan feito, na medida en que fagan aportacións en positivo».
A portavoz do PP en Monforte afirmou o seu apoio ao anteproxecto, porque «deixar o noso hospital como unha illa, algo illado e diferente na xestión do resto de Galicia sería un erro e algo prexudicial para todos». Julia Rodríguez apostou porque o Goberno inclúa no texto definitivo «todas as propostas en positivo e construtivas para melloralo». A portavoz dos populares en Monforte está convencida de que a reforma vai permitir mellorar as instalacións do hospital e implementar novos servizos, «na liña na que se está traballando». Ademais, salientou que a nova lei blindará os hospitais comarcais. «Por iso, non imos pedir a retirada de algo que será bo para todos os usuarios da sanidade pública», precisou.•

 

 

 

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Ciclo de Teatro do Outono no Círculo Saviñao ofreceu unha versión de «Balas sobre Broadway», de Woody Allen

Seguinte Nova

Máis de 150 persoas participaron no I Foro do Tenis Galego en Lugo

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

A %d blogueros les gusta esto: