O Concello de Monforte anuncia máis melloras en rúas e pistas rurais por preto de 400.000 euros

•Os catro proxectos previstos, con arranxos en 15 rúas e 31 pistas, están cofinanciados pola Deputación e o Concello

O alcalde de Monforte, José Tomé, e o concelleiro de Servizos, José Luis Losada, no anuncio das novas actuacións viarias, o pasado 26 de setembro. GPCM
• O alcalde de Monforte, José Tomé, deu a coñecer a finais de setembro catro novos proxectos para arranxar un conxunto de vías urbanas de titularidade municipal, tanto na zona urbana como no rural. O investimento global para estas actuacións, que se contratarán este ano e comezarán a principios de 2018, suma 385.863 euros. Desta cantidade, a Deputación de Lugo achega 250.000, e o Concello completa a financiación con outros 135.863 euros.
ARRANXOS EN 31 PISTAS DE 12 PARROQUIAS
Segundo explicou en rolda de prensa o rexedor local, o primeiro proxecto acometerá o asfaltado de 31 pistas situadas nas parroquias de A Penela, Reigada, As Fontes, Distriz, Piñeira, Marcelle, A Parte, Santa Mariña, Caneda, Ribasaltas, Seoane e Fabeiro. En total, acondicionaranse máis de 12 quilómetros.
MELLORAS NO FIRME DAS ESTRADAS URBANAS
A segunda actuación prevista polo Concello, cunha partida de 88.581 euros, inclúe a mellora dos viais das rúas Doctor Fleming, Ponte dos Picos, Muíños de Antero, Filgueira Valverde, e o Camiño de Guntín, así como o paseo peonil e para bicicletas entre o núcleo de Piñeira e a estrada do Polígono do Reboredo. Nestes viais aplicarase aglomerado en quente con sinalización horizontal. Ademais, instalarase un redutor de velocidade preto do cruce da estrada Piñeira-A Vide coa provincial.
Xunto a este proxecto, está o reasfaltado das vías urbanas nas rúas Aceña Nova, Zapardiel, o lateral da explanada do cemiterio e a rúa Juan Montes, entre O Morín e a vía do ferrocarril.  Os traballos, por importe de 93.500 euros, consistirán na aplicación dunha capa de aglomerado en quente e pintado de sinalización horizontal.
Unha actuación similar é a que inclúe o cuarto dos proxectos presentados polo Goberno local para varios puntos da cidade. A mellora do firme levarase a cabo na rúa Chamoso Lamas, entre Rioseco e As Cruces, así como na rúa Emilia Pardo Bazán, entre o cruce de Rioseco e O Morín. Tamén se actuará no entronque da rúa Poeta Noriega Varela con Emilia Pardo Bazán, e na marxe esquerda rúa Padre Feijóo. Este proxecto conta cun investimento de 68.434 euros.
En total, serán 15 as rúas da zona urbana de Monforte nas que se van executar arranxos no firme.
Segundo precisou o alcalde, as actuacións do Goberno local neste eido sumarán en dous anos un total de 40 rúas e máis de 50 camiños rurais. «Polos datos que temos, non nos consta que en mandatos anteriores se renovasen ou mellorasen tantas rúas en só dous anos», salientou.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

O Ben Empregado xerou 644 novos empregos dende a primeira edición

Seguinte Nova

O Concello de Pantón ofrece actividades de outono para todas as idades

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: