Crónica del sur de Lugo

Preto de 600.000 euros de investimento provincial en Bóveda nun ano

•O presidente da Deputación fixo balance destas aportacións nunha visita ao municipio

O presidente da Deputación, Darío Campos, no pavillón polideportivo de Bóveda, acompañado polo alcalde, José Manuel Arias, e membros da corporación, a finais do mes pasado. GPDL
• O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, achegouse a Bóveda para dar conta dos investimentos da institución neste municipio, e que suman preto de 600.000 euros nun ano. O mandatario provincial, que estivo acompañado polo alcalde de Bóveda, José Manuel Arias López, destacou as aportacións destinadas a dotacións públicas, así como as que financian servizos sociais, co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos máis de 1.500 veciños deste concello.
FINANCIACIÓN CON 52.000 EUROS DE MELLORAS EN TRAÍDAS, CANALIZACIÓNS E SANEAMENTO
Durante a súa visita, Campos Conde e Arias López supervisaron as obras de canalización subterránea de auga destinada ao rego, así como as melloras na traída de auga na capitalidade, financiadas polo organismo provincial con 11.300 euros. Campos destacou que estas obras beneficiaron a máis de 600 veciños deste núcleo.
A Deputación tamén financiou traballos de mellora, con 10.000 euros, na rede de abastecemento de Santa Lucía de Martín, coa instalación dun novo tanque que permite un servizo máis eficiente ás 30 vivendas deste núcleo.
Por outra banda, destináronse 31.000 euros para melloras no saneamento e o sistema de depuración nos núcleos rurais de Eimer, A Tourona, Xulián, As Pontes, Vilaboa-Casas Novas e Ver, que suman máis de 400 veciños.
REPARACIÓNS NO PAVILLÓN, CENTRO DE ACTIVIDADES DE LECER, CULTURA E DEPORTE
O presidente da Deputación anunciou que se van realizar obras no pavillón polideportivo, cun importe de 8.000 euros. Os traballos inclúen a mellora da fachada e do interior deste espazo, “a única instalación que teñen os veciños para a prática do deporte, e que se usa tamén para outras actividades de lecer e de cultura, como o Festival conmemorativo do Día das Letras Galegas”.
APOSTA POLA EFICIENCIA ENERXÉTICA
Os investimentos provinciais en Bóveda inclúen unha partida de máis de 17.000 euros, xa executada, para a instalación de lámpadas LED nos núcleos de Bóveda, Rubián e A Áspera. Campos Conde explicou que esta medida suporá un aforro de 3.000 euros ao ano, o que supón máis dun 10% na factura da luz do Concello. O mandatario provincial salientou que nesta anualidade farase efectiva outra nova instalación de luminarias públicas de exterior en Bóveda, Agra e na rúa Nova de Rubián, por importe de 43.083 euros.
SERVIZO A DOMICILIO PARA NON DEPENDENTES
Na súa visita a Bóveda, o presidente da Deputación destacou as aportacións desta institución para a mellora dos servizos sociais nos concellos da provincia. Campos Conde lembrou que o organismo provincial está a atender a un total de 40 maiores deste municipio a través do Servizo a Domicilio para non dependentes, e da Teleasistencia gratuíta, cunha dotación de preto de 45.000 euros.
Por outra banda, o emprego tamén é un dos eixos do investimento provincial nos concellos lucenses. Segundo lembrou Campos Conde, o DepuEmprego vén de xerar 5 novos postos de traballo no municipio de Bóveda, que inclúen dous peóns de servizos múltiples e outros tres postos máis que se formalizarán en breve. A Deputación destina 74.100 euros para financiar os custos laborais destes traballadores.
APOIO Á CULTURA E AO DEPORTE NOS CONCELLOS
Por último, Campos Conde fixo referencia á achega de 18.000 euros da Deputación ao Concello de Bóveda para organizar actividades de fomento do fútbol base, actuacións de música e danza tradicionais, e eventos turísticos como a Feira Tradicional Outrora.•
Tags:

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre EMPREGO

Ir a Inicio