Crónica del sur de Lugo

Recta final para a manifestación en defensa da Área Sanitaria de Monforte con cruce de acusacións

•Julia Rodríguez convocou unha reunión informativa na que criticou aos colectivos convocantes da manifestación do 8 de outubro

•PLADESAPU e a Xunta de Persoal do Hospital mantiveron encontros en parroquias e concellos da Área Sanitaria previos á movilización

•O domingo 8 de outubro ás cinco da tarde, está convocada a manifestación en defensa da Área Sanitaria de Monforte, por iniciativa da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública (PLADESAPU) de Monforte, e a Xunta de Persoal do Hospital. A data foi acordada días despois da asamblea na que estes colectivos explicaron os motivos que levan á mobilización, diante dun público que abarrotaba a Casa da Cultura en Monforte. Como reacción, os deputados lucenses do Partido Popular levaron a cabo reunións informativas para defender o anteproxecto de Lei de Saúde Pública de Galicia.

A reunión informativa organizada pola portavoz do PP en Monforte tivo lugar na sede do partido, o 22 de setembro. (Cedida)

Mentres que os convocantes da manifestación xustificaron a súa postura na ameaza que supón a futura Lei para o mantemento dos servizos do Hospital, os populares criticaron o posicionamento “dos de sempre”, en palabra da voceira do PP en Monforte, porque “tratan de confundir aos veciños unha vez máis”. Na reunión informativa celebrada en Monforte o 22 de setembro, Julia Rodríguez afirmou que os convocantes están “desacreditados” porque nestes anos “non ocorreu nada do que presaxiaron”. A portavoz do grupo municipal do PP entende que “o único que move a estes colectivos son os seus intereses políticos e sindicais, pero non a defensa dos cidadáns e o seu benestar”.

Imaxe de arquivo da asamblea da Plataforma e a Xunta de Persoal en Monforte, á que seguiron varias en parroquias e concellos. EC

Ao longo destes días, os responsables de PLADESAPU e da Xunta de Persoal levaron a cabo asambleas en parroquias e concellos da Área Sanitaria, para explicar as súas reivindicacións. Segundo explicou a portavoz da Plataforma, Francisca Vázquez, na rolda de prensa na que se anunciou a manifestación, “a Xestión Integrada non serve para aumentar servizos”. Vázquez criticou que a conversión da Área de Monforte en Distrito dependente de Lugo significa que “non hai previsión de mellorar o noso Hospital”. Ademais, alertou contra a privatización, xa efectuada nos servizos de Mantemento e Informática, así como o déficit de Radiólogos, a lista de espera de máis de 9 meses en Dixestivo, e a carencia de profesionais en centros de saúde da contorna.
A nivel político, presentáronse mocións nos concellos da Área para pedir a retirada do anteproxecto. Na mesma liña se manifestou o Goberno da Deputación de Lugo, cunha moción no Pleno provincial na que tamén pediu á Xunta que dote de orzamento á actual Lei co fin de “dar aos veciños os servizos que necesitan”.
Pola súa banda, o Grupo Provincial do PP salientou que os Distritos sanitarios quedan garantidos por Lei, por ser o novo marco de referencia da coordinación sanitaria. Ademais, lembraron o investimento de preto de 1,5 millóns en equipamentos en Monforte dende 2013. “O investimento en Sanidade sempre será unha prioridade na provincia”, precisaron. •

 

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Ir a Inicio