Comezou o curso escolar na provincia

•O Conselleiro de Economía visitou Monforte e animou ao alumnado do IES Daviña Rey a seguir formándose nas novas tecnoloxías

Francisco Conde visitou o IES Daviña Rey de Monforte con motivo do inicio do curso escolar. GPXG
•O pasado 15 de setembro, iniciaron o curso escolar 2017-2018 na provincia de Lugo un total de 13.946 alumnos de Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e Ensinanzas de Réxime Especial, e cunha cifra todavía por confirmar para o alumnado de Formación Profesional ata que a Consellería peche os datos de matriculación.
AS TECNOLOXÍAS DIXITAIS, PRIORITARIAS NO FUTURO MODELO DE TRABALLO
Na apertura do curso en Monforte estivo o conselleiro de Economía, Francisco Conde, que mantivo unha charla co alumnado do IES Daviña Rey, ao que animou a formarse nas novas tecnoloxías. Na súa visita ao centro monfortino, ao que cualificou de punteiro por contar cunha oferta formativa de amplo contido tecnolóxico, Conde lembrou que o futuro dos novos traballadores centrarase na industria 4.0, polo que resultará fundamental contar con profesionais cualificados en tecnoloxías dixitais.
Na provincia de Lugo, están a cursar ESO un total de 9.106 alumnos, mentres que en Bacharelato están matriculados 3.374. As Ensinanzas de Réxime Especial rexistraron en setembro 1.466 matriculados.
NOVIDADES EN INFANTIL E PRIMARIA
Días antes, iniciábase o curso para 20.193 alumnos lucenses de Educación Infantil, Primaria e Educación Especial, nun total de 121 centros educativos. Este curso, presentou como novidade o modelo compartido de transporte, que na provincia se materializou en 81 rutas escolares compartidas.
Outra das novidades que trae este curso é a extensión do plurilingüismo á Educación Infantil en varios centros lucenses, como na Fundación Educativa Torre de Lemos de Monforte. A ampliación do ensino plurilingüe en Primaria inclúe este curso ao CEIP Monte Baliño de Pantón e o CEIP Eloísa Rivadulla de Chantada. En total, a provincia suma 36 centros plurilingües.
Así mesmo, a Xunta reforzou o uso das novas tecnoloxías en varios colexios, incorporando o libro dixital nos niveis de 5º e 6º de Primaria, como no CEIP Monforte e no CEIP Xoán de Requeixo de Chantada.•

•Lugo ten escolarizados a 855 nenos e nenas nas escolas infantís da Xunta

O delegado da Xunta en Lugo, no comezo do curso na Escola Infantil da rede A Galiña Azul en Foz, o 5 de setembro. GPDTL

•Un total de 855 nenos e nenas de 0 a 3 anos comezaron este mes o curso nas escolas infantís lucenses que integran a rede A Galiña Azul, dependente da Consellería de Política Social. Nesta rede están incluídas as dúas escolas de Lugo, outras dúas en Foz, e unha nos concellos de A Fonsagrada, Alfoz, Antas de Ulla, Burela, Chantada, Meira, Mondoñedo, O Valadouro, Pantón, Quiroga, Taboada, Vilalba, Ribadeo e Viveiro, ademais de oito casas niño, os Puntos de Atención á Infancia dos concellos, e as xestionadas por entidades de iniciativa social.
Como novidade, está previsto que durante as vacacións de Nadal e Semana Santa, estea aberta unha escola infantil por localidade, independentemente da demanda que haxa.
Ademais, nos centros xestionados pola Axencia Galega de Servizos Sociais e polo Consorcio de Benestar, poderase solicitar un traslado de centro dentro dun mesmo municipio, por cambio de domicilio ou de lugar de traballo, e fóra dos prazos habituais.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Junior Martínez, do Neka, entra no Centro Galego de Tecnificación

Seguinte Nova

Recta final para a manifestación en defensa da Área Sanitaria de Monforte con cruce de acusacións

Últimas noticias sobre EDUCACIÓN

A %d blogueros les gusta esto: