O Concello de Bóveda ofrece un amplo programa de actividades dende outubro

Imaxe de arquivo das actividades que se realizan no Centro Sociocultural de Bóveda ao longo do ano. (Arquivo EC)
• Ata o 29 de setembro está aberto o prazo de matrícula nas actividades infantís, para adultos e maiores que organiza o Concello de Bóveda. As sesións iniciaranse a primeira semana de outubro, para todas as actividades, e rematarán a finais do mes de maio nas de carácter anual.
ACTIVIDADES INFANTÍS
Para os nenos e nenas, a programación ofrece inglés infantil os luns, risoteatro os martes, ocioteca os mércores, música infantil con ocioteca os xoves, danza galega os venres, e grupo de gaitas os sábados, en horario de 16,30 a 17,30 horas. Ademais, de 17,30 a 18,30 haberá ocioteca os mércores, e música infantil con ocioteca os xoves.
PARA ADULTOS
O programa para adultos iníciase os luns, con pilates de 19,30 a 20,00, e coral de 20,30 a 21,00 horas. Haberá zumba os martes, e coral os mércores, de 20,30 a 21,00 horas. Os xoves, no mesmo horario que as actividades do luns, ofrecerase pandeireta e música para adultos. Os sábados de 11,30 a 13,00 horas impartirase inglés para viaxar.
PROGRAMACIÓN DE MAIORES
As actividades de memoria e ximnasia de mantemento desenvolveranse nos locais sociais das parroquias, cun horario que se fixará segundo as matrículas. Ademais, no Centro Sociocultural terá lugar a actividade de iniciación á informática, os xoves de 11,30 a 13,00 horas.
PREZOS DAS ACTIVIDADES
Cada actividade anual terá un prezo mensual de 5 euros, e as trimestrais de 15 euros, agás a ocioteca dos mércores que é de 10 euros anuais. A ocioteca dos xoves e o grupo de gaitas, que están dirixidos só aos matriculados en música infantil e aos seus irmáns, son gratuítas.
O pago das actividades anuais pode realizarse en dous prazos, pero as trimestrais deberán aboarse por adiantado coa matrícula. Haberá un desconto para familias que matriculen a máis de dous membros na mesma actividade, xa que o terceiro terá a matrícula gratis.
Para o desenvolvemento das actividades é preciso un número mínimo de participantes. Hai prazas limitadas en zumba, ocioteca, pilates, inglés, risoteatro e iniciación á informática.
MATRÍCULA
O prazo está aberto ata o 29 de setembro. As inscricións deberán realizarse no Centro Sociocultural de Bóveda ou no Concello, en horario de 11 a 14 horas, de luns a vernes.
As prazas adxudicaranse por rigoroso orde de inscrición. Terán preferencia as persoas empadroadas no municipio de Bóveda.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A manifestación en defensa da Área Sanitaria celebrarase o 8 de outubro

Seguinte Nova

Artesanía para unir camiños entre Sarria e Xapón

Últimas noticias sobre EVENTOS

A %d blogueros les gusta esto: