Crónica del sur de Lugo

A manifestación en defensa da Área Sanitaria celebrarase o 8 de outubro

•Masiva asistencia en Monforte á primeira das xuntanzas informativas convocadas pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública e a Xunta de Persoal do Hospital

•Parlamentarios lucenses do PP inician reunións informativas pola provincia “para desmontar as mentiras que se están a trasladar á cidadanía”

A futura xestión do Hospital e da Área Sanitaria de Monforte ocupa o centro da actualidade. EC
• O 8 de outubro ás 17 horas é a data fixada pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monforte e a Xunta de Persoal do Hospital para a manifestación contra a supresión da Área Sanitaria de Monforte. Segundo explicaron os responsables destes colectivos, a convocatoria acordouse trala masiva resposta da cidadanía á charla informativa que organizaron o 14 de setembro. A Casa da Cultura monfortina quedouse pequena para acoller ao numeroso público que desbordou o aforo da sala, enchendo os espazos laterais e centrais, así como o vestíbulo de acceso ao edificio. A charla, que versou sobre as consecuencias que terá para o Hospital de Monforte a modificación da actual Lei de Sanidade Pública de Galicia, contou coa presenza de profesionais sanitarios, dos voceiros da Plataforma e da Xunta de Persoal do Hospital, así como de representantes do PSOE, BNG, Esperta Monforte e non adscritos na Corporación monfortina, coa ausencia da portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular, que declinou a invitación cursada polos organizadores. Entre o público, estiveron varios alcaldes, como o rexedor de Monforte, José Tomé, ou o da Pobra do Brollón, José Luis Maceda, e representantes políticos, como Luis Villares, portavoz de En Marea no Parlamento Galego, que viña de manter un encontro esa mesma tarde cos responsables da Plataforma e da Xunta de Persoal.

 

O público desbordou o aforo da Casa da Cultura de Monforte na primeira xuntanza informativa organizada por PLADESAPU e a Xunta de Persoal do Hospital, o pasado 14 de setembro. EC
“O DISTRITO NON SE SABE O QUE VAI SER”
A charla iniciouse coa intervención do doutor Manuel Moreira, membro de PLADESAPU-Vigo. Moreira denunciou que o Goberno galego “vai facer o que non se atreveu a facer antes, cargarse a Área e inventar algo novo, o distrito, que non saben moi ben o que vai ser”. Criticou tamén que os aspectos que se tiñan en conta nas Áreas, como a poboación, as vías de comunicación ou o territorio, “xa non se van ter en conta nos distritos”. Neste sentido, Moreira alertou de que a nova Lei “vai concentrar os esforzos nos grandes hospitais das grandes cidades”, cando “só se pode dar resposta ao envellecemento e á cronicidade que ten a poboación lucense cun servizo de proximidade”. Na súa intervención, Manuel Moreira alertou tamén dos riscos de centrar a investigación sanitaria na “innovación, que apunta claramente á privatización, investigando coa xente pero sendo a medicina privada a que se leve o valor engadido do coñecemento”.

 

Profesionais da sanidade pública, representantes de PLADESAPU e da Xunta de Persoal do Hospital, e concelleiros do PSOE, BNG, non adscritos e Esperta Monforte, tomaron a palabra na xuntanza informativa. EC
SATURACIÓN DAS CONSULTAS MÉDICAS
A charla contou coa presenza de médicos da sanidade pública en Monforte. O doutor Carlos López criticou a “maquillaxe” que trouxo consigo a Xestión Integrada, “que non mellorou nada, con máis mobilidade forzosa dos profesionais”. “A contratación inestable, con contratos basura, vainos perxudicar moito máis”, denunciou.
Pola súa banda, Pilar Espinosa, médico no Centro de Saúde de Monforte e concelleira do PSOE neste municipio, tamén alertou da “sobrecarga” de traballo que teñen os profesionais da zona, “con máis de 50 pacientes para atender en 4 horas”, xa que non se están a cubrir as baixas. “O paciente é o perxudicado, é o que sofre isto, xa que ten que ir de médico en médico porque o seu está de baixa e en dous anos non se cubriu a praza”, explicou. Espinosa insistiu na idea transmitida por Moreira, acerca das consecuencias negativas dunha estrutura dependente dos grandes hospitais. “A Atención Primaria son os cimentos do sistema sanitario, e se isto se move, o edificio cae”, afirmou.
Dende a Plataforma e a Xunta de Persoal do Hospital anunciaron máis reunións informativas polas parroquias de Monforte, concellos da Área Sanitaria e asociacións veciñais. A manifestación do 8 de outubro sairá ás 17 horas de diante do Concello de Monforte cara ao Hospital.•

•Os parlamentarios lucenses do Partido Popular inician unha campaña informativa “para desmontar as mentiras” sobre a nova Lei

Daniel Vega, Encarna Amigo e Julia Rodríguez, parlamentarios do PP por Lugo, no anuncio da campaña informativa. GPPP

• O Partido Popular da provincia de Lugo iniciou en Burela unha rolda de xuntanzas informativas, co obxectivo de “desmontar as numerosas mentiras” que “certos grupos políticos, sindicatos e plataformas sanitarias están a trasladar publicamente” sobre o anteproxecto de Lei da Sanidade Pública. A campaña, que visitará Monforte e outras localidades “onde proceda ou nolo demanden”, foi presentada en rolda de prensa polos parlamentarios lucenses Daniel Vega, Encarna Amigo e Julia Rodríguez, o pasado 19 de setembro.
Logo de criticar con dureza a “virulencia coa que moitos se atreven a tratar un tema tan importante” como a sanidade, Encarna Amigo explicou que a reforma “é necesaria, pois a lei ten xa 10 anos, e imprescindible para garantir e ampliar o sistema de saúde pública”. Os deputados autonómicos do PP por Lugo enumeraron os “claros beneficios” desta reforma: o Hospital de Monforte non perde autonomía nen capacidade de decisión, e non se recorta ningún servizo senón que incluso gaña prestacións, sinalando ademais que os doentes son os grandes beneficiados. Amigo salientou que a creación da figura de distrito sanitario “blinda por primeira vez” a existencia dos hospitais comarcais.
Ademais, os deputados do PP por Lugo lembraron o investimento de máis de un millón de euros no Hospital de Monforte, que permitiu adquirir un ecocardiógrafo, un detector radiolóxico dixital e un mamógrafo, ademais de realizar obras en equipamentos. Amigo recordou que de 2012 ao primeiro semestre de 2017, realizáronse en Monforte 10.440 consultas de alergoloxía, dermatoloxía, hematoloxía e oncoloxía.
“Esta é a única realidade que hai”, afirmou Amigo, quen denunciou “a perda de credibilidade dos políticos e plataformas  que xa en 2009 dicían que o Hospital de Monforte ía pechar, cando segue aberto e gañando servizos”. •

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Ir a Inicio