Crónica del sur de Lugo

Música galega de onte e de hoxe na cuarta edición do festival As Cores do Outono

•A Pobra do Brollón será o escenario desta cita, o sábado 30 de setembro, na que se espera recibir a preto de 1.000 visitantes

Presentación do festival As Cores do Outono na área de Samugueiro, coa presenza do alcalde da Pobra do Brollón, José Luis Maceda, o deputado de Turismo, Eduardo Vidal, e membros da corporación local de A Pobra, o pasado 13 de setembro.
GPTL
• Logo do remate de verán, comezan as celebracións do último trimestre do ano. Unha das primeiras citas lúdicas terá lugar na Pobra do Brollón, co festival As Cores do Outono, o sábado 30 de setembro. Este festival, que acada a súa cuarta edición, contará con importantes figuras da música galega tradicional e actual, nun evento que espera atraer a preto de 1.000 persoas.
MASTER CLASS GRATUÍTA DE CANTO E PANDEIRETA
O programa do festival As Cores do Outono deuse a coñecer na presentación realizada na área recreativa de Samugueiros, na capitalidade da Pobra do Brollón, o pasado día 13.
As actividades do festival ocuparán a tarde do sábado 30 de setembro. A xornada iniciará a axenda cunha master class de canto e pandeireta, a cargo de Xurxo Fernandes, na Casa da Cultura dende as catro ata as seis. A actividade, de carácter gratuíto, require inscrición previa, por teléfono no 982 430 546, ou por correo electrónico en biblioteca@pobradobrollon.es.
ESPECTÁCULO CIRCENSE ÁS SETE E MEDIA
A continuación, a festa voltará ás rúas, cunha actuación circense do grupo Os Sete Magníficos máis un Clown, ás sete e media.
TANXUGUEIRAS, GRUPO REVELACIÓN
O festival comezará na Área recreativa de Samugueiros ás nove da noite, presentado pola actriz Isabel Risco. O cartel estará integrado por Tanxugueiras, grupo de tres cantareiras das zonas de Teo e do Barbanza, que está a destacar pola calidade das súas voces e a súa enerxía no escenario, o que as convirte nun dos grupos revelación da música tradicional galega.
RADIO COS EN BROLLÓN
O grupo Radio Cos tamén estará na Pobra do Brollón, ofrecendo a súa particular evolución da música galega tradicional, enriquecida cun gran traballo de investigación etnográfica.
A ACTUACIÓN DE SES PECHA O PROGRAMA
O cartel completarase coa actuación de Ses, cantautora que xa conta con catro discos dende 2011, nos que mistura a música galega con sons de blues, rock e latinos, apuntalados na súa forza e carisma persoal.
DINAMIZACIÓN LOCAL
O acto de presentación do festival contou coa presenza do alcalde, José Luis Maceda, o concelleiro de Cultura, Ricardo Rodicio, membros da corporación local, e o deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde. O representante da Deputación de Lugo lembrou que o organismo provincial é o principal patrocinador, xunto co Concello, deste festival, cunha achega económica de 22.000 euros. Vidal Baamonde xustificou este patrocinio pola “aposta da Deputación por estas iniciativas que contribúen a dinamizar as nosas vilas, como un importante revulsivo económico e turístico na comarca”. O deputado lembrou que esta iniciativa apoia a dinamización cultural dos concellos lucenses, con eventos musicais de todos os xéneros e gratuítos, “estimulando e activando a vida dos nosos municipios”.
COÑECER O PATRIMONIO NATURAL E CULTURAL DA POBRA DO BROLLÓN
Pola súa banda, o alcalde, José Luis Maceda, agradeceu o apoio da Deputación, e invitou a todos os visitantes a disfrutar na Pobra do Brollón da música galega con tres grupos de referencia no panorama galego, “e ao mesmo tempo coñecer de preto o noso rico patrimonio cultural e natural”.•
Tags:

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Ir a Inicio