Crónica del sur de Lugo

6.500 viaxeiros máis que o ano pasado nos catamaráns da Ribeira Sacra

•De abril a agosto, as rutas fluviais xestionadas pola Deputación de Lugo sumaron 40.679 visitantes

O número de usuarios dos catamaráns de Doade e Belesar aumentou un 20% respecto ao periodo de abril a agosto de 2016, segundo os datos da Deputación de Lugo. GPTL
• As rutas fluviais polo Miño e o Sil que xestiona a Deputación de Lugo veñen de continuar sumando máis usuarios. Segundo os datos aportados polo organismo provincial, de abril a agosto rexistráronse 40.679 viaxeiros nos catamaráns que saen de Doade e Belesar, o que supón un total de 6.500 persoas máis, cun incremento do 20% respecto ao mesmo periodo de 2016. O ano pasado, a afluencia de público nos catamaráns xa aumentara, contabilizándose un 15% máis que na tempada anterior.
MELLORA DOS SERVIZOS NAS RUTAS FLUVIAIS
Na presentación do balance, o pasado 4 de setembro, o deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, destacou o traballo do organismo provincial neste eido. “Desde que estamos á fronta da Área de Turismo, melloramos os servizos das rutas fluviais”, suliñou. O responsable provincial destacou “as oportunidades económicas” que supoñen as viaxes en catamarán “para promover a Ribeira Sacra”. Vidal Baamonde salientou as melloras levadas a cabo nas propias embarcacións, a posta en marcha dunha oficina de atención turística ao público no embarcadoiro de Doade, e a renovación da central de reservas, que dá servizo as 24 horas.
SEGUIR POTENCIANDO A RIBEIRA SACRA
O deputado de Turismo tamén destacou o traballo realizado na promoción de actividades de posta en valor desta contorna, como o Festival Internacional de Música 17º, “que reuniu a milleiros de persoas en espazos emblemáticos da Ribeira Sacra”. Vidal Baamonde reiterou o compromiso da Deputación de Lugo en seguir potenciando as rutas fluviais e as actividades na Ribeira Sacra dentro do Plan Estratéxico de Turismo “e de cara ao seu merecido recoñecemento internacional”.
A ruta que máis medrou en visitantes foi a de Doade, con 32.111 viaxeiros, 4.812 pasaxeiros máis que no mesmo periodo do ano pasado. En Belesar, a cifra aumentou en 2.396 persoas, cun total de 8.568 viaxeiros.
O PP RECLAMA QUE SE CUMPLAN “OS COMPROMISOS ADQUIRIDOS”
A raíz da presentación do balance, dende o Grupo Provincial do Partido Popular valoraron o incremento no número de visitantes, aínda que criticaron ao Executivo provincial por non executar “os compromisos adquiridos”. En nota de prensa remitida dende o Grupo Provincial do PP, criticaron que a Deputación non restablecera a ruta Peares-Maiorga, ou que “un ano despois de terse aprobada”, non se fixera efectiva a ampliación de horarios durante a tempada de inverno. Así mesmo, tamén criticaron que as rutas empezasen o 1 de abril, “cando antes funcionaban todo o ano”. Os populares denunciaron a paralización das audioguías, contratadas no mandato de Elena Candia “e que seguen sen estar en servizo”.
PREZOS DAS VIAXES
As rutas continúan en funcionamento, con tres saídas diarias dende Doade e Belesar. O prezo do billete é de 9 euros, de 5 euros para maiores de 65 anos, carné xove e nenos de 4 a 12 anos, e menores gratis.•

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir a Inicio