Crónica del sur de Lugo

Polémica en torno ao futuro da xestión do Hospital de Monforte

•A Consellería deu a coñecer en agosto o anteproxecto de lei que converterá a área sanitaria de Monforte en distrito dependente de Lugo •Partidos políticos, colectivos de profesionais e de cidadáns rexeitan esta medida

Líderes autonómicos dos partidos da oposición, representantes locais da esquerda e de colectivos sociais e profesionais, na concentración organizada pola Xunta de Persoal do Hospital, o 6 de setembro. GPCM
• O 2 de agosto, o Portal de Transparencia da Xunta de Galicia publicou o anteproxecto de Lei polo que se modifica a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de Saúde de Galicia, e que suporá un cambio na organización territorial do sistema público de saúde. A nova configuración recoñecerá 7 áreas sanitarias, coincidentes coas actuais Estruturas Organizativas de Xestión Integrada (EOXI), e un total de 14 distritos configurados como división das ditas áreas, que terán como referencia cadanseu hospital. Neste novo organigrama, o hospital será o “marco de referencia” de toda a actividade sanitaria, que inclúe a atención primaria, a hospitalaria e a sociosanitaria, no mesmo ámbito territorial que ata o de agora. Na prática, a provincia de Lugo contará cunha única área sanitaria, con centro na capitalidade provincial, e da que dependerán como distritos os hospitais de Cervo e Monforte de Lemos. A data de publicación do anteproxecto, en plenas vacacións de verán, unido á dependencia que terá con Lugo o Hospital de Monforte, espertou as alertas entre partidos políticos e colectivos profesionais e sociais.

 

O alcalde de Monforte reuniuse cos voceiros municipais e os representantes de PLADESAPU o 18 de agosto. GPCM
OS SOCIALISTAS DENUNCIARON A “COVARDÍA” DA XUNTA
Ao día seguinte á publicación do anteproxecto, o portavoz de Sanidade do Grupo Socialista no Parlamento galego, Julio Torrado, denunciou “a covardía manifesta” da Xunta por anunciar “nun 2 de agosto” unha reforma “de tanto calado”, coa que modificar a lei de Sanidade “pola porta de atrás”. Torrado criticou que, con esta lei, a participación en sanidade “vaise decidir por decreto”, e que a redefinición do mapa sanitario “vai reducir á nada o peso das áreas comarcais”, coa conseguinte “perda da xestión directa da atención primaria”.
BNG LUGO SUR ESIXIU A “INMEDIATA RETIRADA” DO ANTEPROXECTO
Tamén o 3 de agosto, o BNG de Lugo sur emitiu unha nota de prensa na que esixiu a “inmediata retirada” do anteproxecto”, xa que vai “recortar tanto os servizos como a calidade dos mesmos”. Días despois, o BNG Lugo Sur anunciou a presentación de mocións en todos os concellos afectados para defender a área sanitaria de Monforte. Os nacionalistas criticaron que, mentres a actual Lei establece que a prestación de servizos e a delimitación de áreas farase “tendo en conta as necesidades sanitarias da poboación”, a nova lei farao “tendo en conta os recursos sanitarios existentes”. O BNG considerou “inaceptable” a medida, que abre á porta a “máis recortes do Goberno do PP”.

 

Concentración dos membros da Xunta de Persoal do Hospital e voceiros de PLADESAPU, o 1 de setembro. EC
PLADESAPU ALERTOU SOBRE UN DOCUMENTO “MOI AMBIGUO”
Pola súa parte, o 4 de agosto, a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública de Monforte (PLADESAPU) emitiu un comunicado manifestando a súa “sorpresa e preocupación” polo anuncio da Xunta, e criticou o anteproxecto por ser “moi ambiguo”. Dende a Plataforma puxéronse á disposición dos cidadáns para atender as dúbidas e canalizar a formulación das alegacións que quixeran plantear.
Pola súa banda, a concelleira non adscrita no Concello de Monforte, Pilar López, criticou na mesma data a publicación “en pleno periodo estival” deste documento por parte da Xunta, medida que “suporá unha nova mingua nas competencias e autonomía do Hospital de Monforte”.
A finais de mes, PLADESAPU convocou unha rolda de prensa coa Xunta de Persoal do Hospital, na que criticaron as carencias que sufre este centro, cun déficit de radiólogos que dificulta a xestión das consultas de Oncoloxía e doutras especialidades. Tamén alertaron sobre a falta de atención das citas de Dixestivo e dos pacientes preferentes de vía rápida por falta de especialistas, e as lista de espera”dun ano” en Alergoloxía, entre outros datos. “Isto non o din os do PP”, criticaron, insistindo en que “a reforma vai a continuar derivando servizos a Lugo”.
A mesma crítica foi planteada pola Xunta de Persoal do Hospital, que denunciou a falta de cobertura da plantilla en consultas e en planta, con referencia expresa á falta de Pediatra en Chantada ou ás carencias de facultativos nos centros de saúde do rural, como en Folgoso ou en Rubián. “Parches non nos valen”, insistiron, rexeitando a política do Sergas de enviar especialistas “por horas para momentos puntuais”.
TOMÉ: “FEIJÓO ROMPE O SEU COMPROMISO DE MANTER AS ÁREAS”
Pola súa banda, o alcalde de Monforte, José Tomé, lamentou que a Xunta “pretenda eliminar a área sanitaria de Monforte”, e criticou que esta medida “rompe o compromiso do presidente da Xunta cando dixo que se manterían as áreas sanitarias”. Tomé reuniuse o 18 de agosto cos voceiros municipais e os representantes da Plataforma para analizar a situación e elaborar unha proposta conxunta de cara ao pleno extraordinario que, finalmente, se pospuxo ao 29 de agosto, logo de que a Xunta ampliara o prazo de alegacións ata o 1 de setembro. Pola súa parte, a voceira do PP en Monforte, Julia Rodríguez, rexeitou a “estratexia de medo que busca liderar o alcalde”, e negou “as mensaxes incendiarias que se están a enviar de novo aos cidadáns”. Rodríguez insistiu en que a nova organización “blindará a continuidade” do Hospital.
No pleno extraordinario, ao que non asistiron os edís do Partido Popular “por non ser partícipes de ningún circo que trate de empregar as institucións con fins partidistas”, o alcalde denunciou que a nova  lei “é mala, porque é un proxecto moi ambiguo, redúcenos a un simple distrito, e porque non van vir especialistas senón que terá que ir os pacientes a Lugo, concentrando os recursos nos grandes hospitais”.

 

Reunión informativa do conselleiro de Sanidade cos alcaldes e representantes municipais das comarcas de Monforte e A Mariña, o 24 de agosto. GPXG
O CONSELLEIRO REUNIUSE COS ALCALDES E VOCEIROS
Días antes, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, mantivo unha reunión informativa cos alcaldes e representantes municipais da comarca de Monforte, Quiroga e Chantada, para informarlles dos cambios previstos na lei. Na reunión, celebrada o 24 de agosto, o conselleiro explicou que a reforma trata de axustar a lexislación á realidade, e reiterou que a nova organización administrativa do distrito de Monforte non suporá ningún cambio para os pacientes.
Nesta liña se expresou o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, na rolda de prensa ofrecida diante do Hospital de Monforte o día 28. Balseiro insistiu en que a medida “trátase dunha reforma da estructura administrativa que non altera, en ningún caso, nin o médico nin o hospital que hoxe teñen asignados os pacientes”. O delegado salientou que a reforma “lonxe de debilitar os hospitais comarcais, permitirá seguir ampliando a oferta de recursos asistenciais”. Balseiro lembrou que entre 2012 e 2016, se prestaron en Monforte máis de 10.000 actos asistenciais e consultas por médicos do Hospital Universitario de Lugo. “Renunciar a este novo modelo de área sanitaria provincial sería dicirlles a estes pacientes e aos 10.000 restantes que en vez de ser atendidos en Monforte o serán en Lugo”, precisou.

 

O delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, explicou as características do anteproxecto de lei, nunha rolda de prensa diante do Hospital de Monforte, o 28 de agosto. GPDTL

 

A presidenta do PP lucense, cos alcaldes e representantes do sur, enviou unha “mensaxe de tranquilidade aos cidadáns”, o 1 de setembro. GPPL
CANDIA LAMENTOU QUE  A OPOSICIÓN E A PLATAFORMA “USEN A SANIDADE COMO ARMA DE XOGO POLÍTICO”
No mesmo día da declaración conxunta que fixeron diante do Hospital de Monforte os voceiros da Xunta de Persoal deste centro e os responsables da Plataforma en contra do anteproxecto de lei, o Partido Popular aproveitou este mesmo espazo para enviar “unha  mensaxe de tranquilidade á cidadanía”. Na mañá do 1 de setembro, a presidenta do Partido Popular provincial, Elena Candia, congregou a todos os alcaldes e representantes municipais do PP na zona sur, para pedir ás forzas políticas e sindicais “responsabilidade”, e que “abandoen a demagoxia”. Na rolda de prensa diante do Hospital de Monforte, Candia lamentou que “os partidos da oposición e a Plataforma empreguen a sanidade como arma de xogo político”
A presidenta do PP provincial cualificou de “falsas” e “inxustificadas” as manifestacións realizadas días antes polos representantes políticos e sociais do sur de Lugo. Candia, arroupada polos rexedores populares da zona sur e os responsables municipais na contorna, reiterou o compromiso “absoluto” do Partido Popular co Hospital de Monforte, e precisou que o texto íntegro do anteproxecto de lei de reforma da actual Lei de Saúde de Galicia “está colgado no Portal de Transparencia da Xunta de Galicia para que todo o mundo o poida consultar, e para que os políticos e quen o vexa oportuno participe activamente”. A presidenta provincial do PP insistiu en que “é neste seno onde hai que facer as propostas porque existe total receptividade por parte da Consellería”.
Candia repetiu os datos facilitados no seu día polo delegado da Xunta, e aclarou que os alcaldes e representantes do Partido Popular, e tamén ela mesma dende a súa posición orgánica, “seguiremos buscando a mellora constante deste Hospital, e nunca, por suposto, permitiriamos un paso atrás”.
REPERCUSIÓN AUTONÓMICA NA CONCENTRACIÓN DA XUNTA DE PERSOAL DIANTE DO HOSPITAL
A reacción ao anteproxecto de lei materializouse en varias xuntanzas informativas convocadas na primeira semana de setembro pola Xunta de Persoal e a Plataforma, ás que non acudiron representantes municipais do PP. Na segunda concentración de protesta, convocada diante do Hospital pola Xunta de Persoal e PLADESAPU o mércores 6, acudiron os portavoces parlamentarios, representantes locais e comarcais dos partidos de esquerda, e tamén deputados autonómicos, como Olalla Rodil, do BNG, Xoaquín Fernández Leiceaga, do PSdeG-PSOE, e Luís Villares, de En Marea. O portavoz socialista no Parlamento de Galicia reclamou a retirada do anteproxecto, “xa que vai no camiño de reducir os servizos de proximidade e de empeorar a asistencia sanitaria”.
As deputadas do BNG Olalla Rodil e Montse Prado reuníronse ao día seguinte coa Xunta de Persoal e membros da Plataforma. Dende En Marea pedirán a comparecencia do conselleiro de Sanidade no Pleno da vindeira semana.•

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ASOCIACIONISMO

Ir a Inicio