Crónica del sur de Lugo

Lugo absorbe preto da metade do importe das axudas da PAC en Galicia

•A Xunta vén de realizar un pago de máis de 10 millóns a 10.761 gandeiros lucenses

O delegado da Xunta en Lugo visitou unha explotación gandeira en Sarria, onde valorou as axudas da PAC na provincia. GPDTL
• A Xunta completou este verán boa parte dos pagos correspondentes ás axudas da PAC do ano 2016. Segundo explicou o delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, na visita que realizou a unha explotación gandeira de Sarria o 16 de agosto, a Consellería de Medio Rural vén de ingresar entre xullo e agosto algo máis de 10 millóns de euros a un total de 10.761 gandeiros lucenses. O representante autonómico en Lugo lembrou que a nosa provincia asume praticamente a metade do importe total que lle corresponde a Galicia nas axudas da PAC.
A PROVINCIA DE LUGO CONCENTROU O 48,3% DO TOTAL DAS AXUDAS PARA GALICIA
José Manuel Balseiro precisou que estas achegas destinaron a Lugo case 79 millóns de euros do ano 2016, o que supuxo o 48,3% do global de Galicia. Por outra banda, a provincia da Coruña percibiu 55,7 millóns, lonxe dos 15,7 millóns que corresponderon a Pontevedra, e dos 13,1 millóns da provincia de Ourense. Balseiro puntualizou que estas cifras demostran “o peso agrogandeiro” da provincia lucense no conxunto de Galicia.
6,6 MILLÓNS PARA O PAGO VERDE
O delegado da Xunta en Lugo precisou que, deste importe, máis de 6,6 millóns de euros corresponden ao chamado “pago verde”, que prima o mantemento de pastos, a diversificación dos cultivos e as superficies cualificadas de interese ecolóxico.
OUTROS CONCEPTOS SUBVENCIONADOS NAS ACHEGAS DA PAC
O resto das achegas para Lugo están vinculadas, por unha banda, ao denominado “pago básico”, relacionado coa asignación de dereitos de agricultores e gandeiros, así como co número de hectáreas que teñan declaradas. Por outra banda, tamén se están a percibir axudas por vacas de leite e vacas nutrices, ademais doutras partidas para os restantes tipos de cabaña.
Balseiro aproveitou a visita á explotación de Sarria para lembrar o incremento das axudas solicitadas por agricultores mozos, que rexistrou un aumento de máis do 22% nos dous últimos anos.•

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir a Inicio