Investimento provincial para a mellora do campo de fútbol da Barrela

•A Deputación achegou 650.000 euros ao municipio de Carballedo para melloras en servizos e fomento do emprego

O presidente da Deputación supervisou, a finais de xullo, os terreos do campo de fútbol da Barrela, que o organismo provincial vai dotar de herba artificial. GPTL
• A mellora do campo de fútbol da Barrela, o acondicionamento de accesos rurais ou o arranxo do alumeado público son algunhas das actuacións que a Deputación de Lugo está a financiar no municipio de Carballedo. O presidente do organismo provincial, Darío Campos Conde, achegouse a este concello a finais do mes pasado, para supervisar diversas obras, e facer un balance dos últimos investimentos.
99.000 EUROS PARA A HERBA ARTIFICIAL DO CAMPO DE FÚTBOL
Por unha banda, a Deputación vai investir 99.000 euros na primeira fase das obras de mellora do campo de fútbol da Barrela. Os traballos consistirán na instalación de herba artificial, para substituír ao céspede, que se atopa moi deteriorado. Con este fin, procederase a mover a terra para instalar unha rede de drenaxe e rego, e a base de zahorra natural sobre a que colocar o recubrimento de herba artificial.
MÁIS DE 150.000 EUROS PARA ACONDICIONAR VARIAS RÚAS NA CAPITALIDADE
En canto ás infraestruturas públicas, o organismo provincial ten previsto melloras nas rúas Maruxa Villanueva, Irmáns Fernández Dorrego e na Praza Víctor Portomeñe, que suman un importe total de 159.000 euros.
MELLORAS NO ALUMEADO DOS NÚCLEOS RURAIS
Por outra banda, a Deputación achega 142.000 euros para mellorar a rede de alumeado público da maioría dos núcleos do rural. Segundo precisou Campos Conde, destináronse 83.500 euros para instalar máis de 50 puntos de luz LED na rede que dá servizo á Tolda, Bustelo, Rubias, Trasar de Carballo, Santa Baia, Nespereira, Piñeiro, Barrela e Furco, núcleos que suman máis de 360 veciños. Estas medidas suporán, segundo apuntou o mandatario provincial, un aforro de máis de 3.000 euros no gasto enerxético do Concello. Campos Conde explicou que tamén se van instalar novas luminarias máis eficientes nos lugares de Airexe, Casares, Vilar de Mulleres, A Laxa, Santa Mariña, Aguada de Arriba, Lobelle de Arriba e Pepes, para o que a Deputación aporta 59.000 euros.
MÁIS DE 170.000 EUROS PARA CREAR 14 NOVOS POSTOS DE TRABALLO NO MUNICIPIO
O fomento do emprego en Carballedo tamén contou con aportacións económicas do organismo provincial. Campos Conde salientou que “nun ano investimos en Carballedo máis de 170.000 euros, cos que xeramos 14 postos de traballo, 7 o ano pasado e outros 7 este ano”. O mandatario provincial precisou que estes empregos xeráronse a través dos programas DepuEmprego e Ben Empregado, cos que a Deputación financia os custos laborais dos novos traballadores, que realizan a súa actividades en empresas e colectivos, ou ben no propio Concello.
ATENCIÓN AOS MAIORES E APOIO Á DINAMIZACIÓN
O benestar tamén contou con financiamento provincial, como lembrou Campos Conde. O presidente da Deputación salientou os 77.000 euros que este organismo destinou para as 98 prazas do Servizo de Axuda a Domicilio a non dependentes e a Teleasistencia gratuíta. Neste momento, están contratados asistentes sociais para ofrecer máis de 5.000 horas de atención a 51 maiores deste concello, á espera de novas altas este mesmo ano.
En canto á dinamización sociocultural, o Concello de Carballedo recibiu máis de 2.000 euros para realizar actividades como a Festa do Nadal, o Entroido, ou eventos na escola de xadrez.•

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

Completada en Sober a instalación do menhir Marco da Pedra Longa

Seguinte Nova

En marcha os traballos de urbanización e mellora da Ponte das Bernardas en Ferreira

Últimas noticias sobre GALERÍA

A %d blogueros les gusta esto: