Crónica del sur de Lugo

Grandes concertos, orquestras e animación nas rúas, nas Festas Patronais 2017 de Monforte

•Os concertos de gran formato contarán con Rosa Cedrón, na Praza de España o día 11, e xa na Praza da Compañía, actuará Bustamante o sábado 12, Juan Perro o 15, e Celtas Cortos o mércores 16

Presentación do programa das Festas Patronais 2017 de Monforte, que se celebrarán do 11 ao 16 de agosto. EC
• A cidade do Cabe activou a conta atrás para a celebración, do 11 ao 16 de agosto, das Festas Patronais 2017, que ofrecen unha programación variada para todos os públicos. A proposta festiva mantén o tono das últimas edicións, co fin de “resultar atractivas para o público, e que se volvan encher as rúas como o ano pasado”, explicou o alcalde de Monforte, José Tomé, na presentación das Patronais. A música conservará o seu protagonismo, combinando os concertos de gran formato cos grupos e as orquestras, “de xeito que haxa na Compañía música seguido dende as dez e media da noite ata as catro da mañá”, precisou Tomé. O alcalde explicou o adianto ás dez e media do comezo das verbenas, para facilitar a presenza do público de máis idade, que xa non terá que esperar ás once para disfrutar da música.
JOSÉ MANUEL PARADA, PREGOEIRO
As festas comezarán o 11 de agosto pola tarde co ritual do lanzamento do foguete dende o Campo de San Antonio, o encendido da iluminación artística e a lectura do pregón, ás 20,30 horas, a cargo do presentador de radio e televisión monfortino José Manuel Parada.
GRANDES CONCERTOS
O programa das Patronais 2017 inclúe catro concertos de gran formato. O venres 11 de agosto, a partir das once da noite, actuará Rosa Cedrón na Praza de España, para presentar o seu segundo traballo en solitario, titulado “Nada que perder”. As demais grandes citas musicais serán na Praza da Compañía, espacio que acollerá o concerto de Bustamente o sábado 12 ás doce da noite, o de Juan Perro o martes 15 dende as doce e media, e tamén a esta hora terá lugar o concerto de Celtas Cortos, o mércores día 16.
MÁIS CONCERTOS
O programa das Patronais integra diversas actuacións na Praza de España. A Banda de Música do Conservatorio de Monforte ofrecerá un concerto o día 12 ás 23 horas, e Os Parentes de Sober actuarán o día 13 ás 23 horas. O luns 14 de agosto será a quenda da Banda de Música de Sober, que dará un concerto ás 23 horas. Ese mesmo día, na Praza da Compañía, terá lugar o concerto do grupo Gin Toni’s, a partir das doce da noite.
GUÍA DE VERBENAS EN MONFORTE
As verbenas encherán de animación as noites monfortinas do 12 ao 16 de agosto na Praza da Compañía. O sábado, despois do concerto de Bustamante, a verbena estará a cargo de Los Player’s, e o domingo 13 actuarán as orquestras Suavecito e La Fórmula ás 22,30. A noite do luns estará amenizada pola orquestra Canela con dous pases, ás 22,30 e ás dúas da mañá. O grupo Limón protagonizará as sesións da verbena do martes 15, cunha actuación ás 22,30 e outra ás dúas da mañá, despois do concerto de Juan Perro. A última verbena estará a cargo da orquestra Saudade, con dobre sesión, o mércores día 16.
ANIMACIÓN NA RÚA PARA TODOS OS PÚBLICOS
Un ano máis, o ambiente festivo en Monforte incrementarase durante as Patronais coa celebración do V Festival Cómico-Festivo A Rúa é Vosa. O sábado 12 as actuacións virán da man da Compañía Píscore, que ofrecerá un espectáculo cómico baseado na música. A actuación contará con dous pases, ás 13 e as 20 horas, na Praza de España.
O domingo haberá un programa máis completo, coa actuación do Circo Galaico de monicreques na rúa Cardeal, ás 12, e á unha actuará a Compañía Desastronauts – Circo Aéreo, co espectáculo “Un día de praia”, na Praza de España, que terá un segundo pase ás 20,15 horas. A tarde completarase coa actuación de Títeres Alakrán, ás sete e cuarto, na rúa Cardeal.
O luns ofrecerá catro sesións de espectáculos na rúa, coas actuacións de Cé Orquestra Pantasma, ás 12 e ás 19,15 na rúa Cardeal, e da Compañía Kanagadama, á unha e ás oito e cuarto, na Praza de España.
A animación cómica na rúa voltará o mércores 16, con catro actuacións de mañá e tarde. A compañía Circo Activo ofrecerá o espectáculo de acrobacia “Aire”, á unha e ás oito e cuarto na Praza de España, mentres que a Compañía Títeres Mircromina animará o día na rúa do Cardeal co espectáculo “Gyrovagus”, ás doce e ás sete e cuarto, na rúa Cardeal.
DÍA GRANDE DAS PATRONAIS
A programación do martes 15 de agosto, día grande das Festas Patronais, iniciarase ás nove e media da mañá co lanzamento de 21 bombas de palenque, que darán paso á saída, dende o Campo de San Antonio ás dez, da comitiva de autoridades e veciños cara á igrexa de San Vicente do Pino. O percorrido estará amenizado pola Banda de Gaitas e o Grupo de Baile Tradicional do Concello de Monforte, ata chegar a San Vicente, onde se oficiará a Misa cantada pola Coral Polifónica de Monforte, coa ofrenda floral á Virxe de Montserrat, patroa da cidade, ás 11.
15 DE AGOSTO, DÍA DO GAITEIRO
A riqueza cultural de Galicia recibirá a súa homenaxe en Monforte, coa celebración do Día do Gaiteiro, o 15 de agosto. Ás once iniciaranse as alboradas, e á unha concentraranse os grupos tradicionais no centro urbano, con actuacións ata as tres da tarde. A xornada completarase ás oito e media, cando terá lugar a Mostra de Danza e Música Tradicional na Praza de España.•

•OUTROS EVENTOS PARA DINAMIZAR O VERÁN MONFORTINO

•BARCAS ENGALANADAS. O martes 15 de agosto ás 22,30 horas, sairán ao río Cabe as Barcas Engalanadas, unha tradición de mediados do século XX que recupera as barcas tradicionais cunha iluminación e decoración especial para este día.
EXPOSICIÓN CARTEIS DO XXII CONCURSO DE DESEÑO FESTAS PATRONAIS MONFORTE 2017. Dende o 9 ata o 28 de agosto poderá verse na sala de exposicións da Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro unha mostra cos traballos presentados ao XXII Concurso de Deseño de Carteis Festas Patronais, correspondente á edición deste ano, organizada polo Concello de Monforte de Lemos.
FASHION NIGHT E FEIRA DE OPORTUNIDADES DO COMERCIO MONFORTINO. Na tarde-noite do venres 11 de agosto, o comercio asociado de Monforte propón unha nova edición da Fashion Night. Este evento, organizado polo CCU Monforte, ofrece a posibilidade de mercar nos establecementos asociados beneficiándose de importantes descontos, e disfrutando das actividades de animación, dende as nove da noite ata a unha da madrugada. Ademais, os días 26 e 27 de agosto, o CCU Monforte organiza unha nova edición da Feira de Oportunidades de Verán, que terá lugar no espazo expositivo da Praza de Abastos.
Como premio á fidelidade, o CCU Monforte agasallará ás persoas que realicen unha compra nos establecementos asociados na segunda quincena de agosto. Así, os consumidores poderán acceder a unha viaxe con guía por Monforte nun tren turístico, os días 2 e 3 de setembro. Así mesmo, entrarán no sorteo de vales para compra de material escolar.
FEIRA DE AGRICULTURA ECOLÓXICA. Os días 18 e 19 de agosto, a rúa Cardeal acollerá os stands da Feira de Agricultura Ecolóxica-Agora Verde, unha oportunidade para coñecer os produtos ecolóxicos que apostan pola calidade. A Feira está organizada polo Consello de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) e o Concello de Monforte de Lemos.
•FESTA DA EMPANADA. Este evento gastronómico popular celebrarase o domingo 20 de agosto na área recreativa de Ribasaltas, organizado pola Asociación de Veciños desta parroquia, coa colaboración do Concello.
•VI FESTIVAL DO PARADISO. A Asociación Náufragos do Paradiso organiza este festival, que se desenvolverá no Parque dos Condes o sábado 2 de setembro dende as 20 horas.•

Tags:

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre EVENTOS

Ir a Inicio