Crónica del sur de Lugo

Sober aumenta a oferta de produtos na XXII Feira da Rosca os días 11 e 12 de agosto

•Ademais, a Feira estrea o 1º Túnel do Viño de Amandi, con 30 adegas e 60 viños

Luis Fernández Guitián, alcalde de Sober, presentou o programa de eventos en torno á XXII Feira da Rosca. GPCS
•En Sober está todo disposto para celebrar unha das citas gastronómicas máis singulares da contorna. A XXII Feira da Rosca de Sober celebrarase, como vén sendo habitual, os días 11 e 12 de agosto, aínda que este ano presenta importantes novidades.
MEL, CASTAÑA E QUEIXO, ADEMAIS DA ROSCA DE SOBER
Segundo explicou o alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, na presentación do evento, a vixésimo segunda edición da Feira da Rosca abre a oferta a un amplo abano de produtos da Ribeira Sacra, como o mel, a castaña ou o queixo, ademais da artesanía. Un total de 20 stands instalaranse na capitalidade soberina co gallo desta Feira, na que ofrecerán os seus produtos catro rosqueiros, tres produtores de mel, outros dous de castaña e tres queixeiros, ademais de dous oleiros e varios artesáns.
I TÚNEL DO VIÑO DE AMANDI
Ademais, este ano a Feira da Rosca inclúe unha importante novidade, vinculada á tradición vitivinícola soberina. Coincidindo cos dous días de feira, estrearase o Túnel do Viño de Amandi, no que participan 30 adegas con dous sumillers e degustación de produtos da firma Torre de Núñez, empresa colaboradora desta celebración. A carpa na que se instalará o Túnel do Viño de Amandi inaugurarase o día 11 ás once e media.
SHOWCOOKING COA ROSCA COMO PROTAGONISTA, O DÍA 11
En canto á programación da XXII Feira da Rosca, o Mel e outros Produtos da Ribeira Sacra, os actos comezarán na tarde do venres 11 de agosto, coa celebración dun showcooking a cargo de Javier González, cociñeiro do Restaurante Merenzao de Cadeiras, que realizará diversas propostas gastronómicas ao redor da característica rosca de Sober. Xa pola noite, terá lugar a tradicional degustación de rosca con licor café, aínda que este ano tamén se acompañará con mel. A animación virá da man do grupo Ce Orquestra, que ofrecerá unha actuación pola noite.
A BANDA FOLK DE RIBAS DE SIL, O SÁBADO 12
O sábado 12 de agosto, día grande da XXII Feira da Rosca, o Mel e outros Produtos da Ribeira Sacra, abrirase cunha degustación de rosca de Sober con queixo, na que se repartirán 2.000 racións, en colaboración coa empresa monfortina Queserías Prado. Ademais, ao longo de toda a mañá desenvolverase unha demostración de forxa en vivo, patrocinada polo Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo. A Banda de Música Folk de Ribas de Sil ofrecerá unha actuación, tamén na mañá do sábado, e Paporrubio encargarse dunha sesión de xogos populares, dentro do programa Cultura no Camiño, que patrocina a Axencia Galega das Industrias Culturais, da Xunta de Galicia.•
Tags:

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre EVENTOS

Ir a Inicio