Crónica del sur de Lugo

Todo listo en Quiroga para disfrutar das Festas do Verán

•A Mostra do Mel e a nova edición da Festa Castrexo-Romana QuiRoma serán os grandes eventos da programación estival, que inclúe actividades para todos os públicos

Imaxe de arquivo da última edición da Festa Castrexo-Romana QuiRoma, que este ano se celebrará o sábado 19 de agosto. Arquivo EC
• Do 10 ao 13 de agosto, Quiroga celebrará as Festas do Verán cun completo programa de actos, pensado para todas as idades.
MÁXIMA CALIDADE DO MEL DE QUIROGA
As celebracións iniciaranse o xoves 10 de agosto coa XXVI Mostra do Mel de Quiroga, que este ano medra en participación coa presenza de nove apicultores procedentes de varios puntos do municipio. Nos seus stands, os produtores porán á venda preto de 2.000 quilos de mel das variedades milflores, e monofloral de castiñeiro e brezo. Ademais do mel, os stands ofrecerán produtos derivados da colmea, como polen, xalea ou propóleo, así como outros produtos elaborados na contorna.
Segundo informaron dende a organización da Mostra, o mel de Quiroga goza dunha excelente calidade, grazas tanto ás especiais condicións meteorolóxicas da zona como ao proceso de produción e elaboración. O mel, nas súas diferentes variedades, procede de colmeas mobilistas, e extráese por centrifugado. Un 80% da produción total está considerada como mel ecolóxico.
Na mesma xornada, e a partir das 13 horas, terá lugar a Festa da Xuventude e da Cervexa Artesá ao longo do día, que rematará cunha verbena co grupo Aché.
MAXIA, MÚSICA E ANIMACIÓN
O venres 11 pola tarde na Praza da Constitución, celebrarase o Festival de Música e Danza tradicional, e continuará cun espectáculo de maxia a cargo de Manuel Lamas, ás oito. A partir das nove e media da tarde, comezará a Festa da Comunidade, que culminará coa actuación do Dúo Camelia.
A música protagonizará a xornada do sábado 12. As Xuventudes Musicais de Sober animarán a mañá coas alboradas, e a Banda de Música de Antas de Ulla dará un concerto á unha da tarde. A partir das dez da noite, haberá unha festa popular co Grupo Limón, un concerto de A Roda dende as doce e media, e a verbena posterior co grupo Atenas.
A animación infantil terá o seu espazo o sábado ás oito, co espectáculo “Uxía lambona e a banda molona”, e o domingo á unha Paporrubio animará a rúa con “A Danza dos paxaros”, para continuar ás sete e media co concurso Pinta con Xiz na Rúa.
As Festas do Verán rematarán con música o domingo día 13, coa orquestra La Oca Band, a partir das nove e media da tarde, o concerto de La Década Prodigiosa, e a verbena co grupo Samba.
A IV Festa Castrexo-Romana QuiRoma culminará o verán de Quiroga, o sábado 19, con animación de época e actividades diversas polas rúas da vila.•
• CONCURSO DE FOTOGRAFÍA EN QUIROGA POR REDES SOCIAIS.
Ata o 1 de setembro está aberto o prazo para participar no Concurso #quirogaestádemoda, que organiza a Área de Xuventude do Concello de Quiroga. Os participantes deberán sacar unha foto dun lugar que consideren singular ou significativo da vila quiroguesa, xeolocalizalo, e a continuación publicala no perfil do Facebook do Concello de Quiroga ou no Instagram do autor nomeando ao Concello, baixo o hashtag que titula o concurso. A foto que consiga máis “likes” será a gañadora, e premiarase ao seu autor cunha cámara fotográfica deportiva.•
• O 26 DE AGOSTO, XIX ENCONTRO DE POETAS NO VAL DE QUIROGA.
As persoas interesadas en participar poden anotarse na Casa da Cultura ata o 20 de agosto. O Encontro, cun recital poético e actuación musical, terá lugar o día 26 a partir das 11 horas, no Salón de Actos da Casa da Cultura.•
Tags:

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre EVENTOS

Ir a Inicio