Crónica del sur de Lugo

O balance dos investimentos provinciais no Incio suma máis de 700.000 euros nun ano

•A Deputación executou no municipio 431.000 euros do Orzamento de 2016, e aporta 275.000 no Plan Único

O presidente da Deputación, Darío Campos Conde, supervisou xunto á alcaldesa, Laura Celeiro García, as melloras no centro social de Eirexalba, con veciños desta parroquia. GPDL
• O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, achegouse o pasado dìa 10 ata O Incio para facer balance dos investimentos que o organismo provincial realizou no municipio ao longo do último ano. Campos Conde salientou que xa están executados un total de 431.000 euros correspondentes ao Orzamento de 2016, aos que hai que sumar os 275.000 euros do 2017 que destina a través do Plan Único.
ESTRADAS E ACCESOS A NÚCLEOS
En canto ás infraestruturas, o organismo provincial financiou con 90.000 euros as melloras nun total de dous quilómetros de viais provinciais. As obras consistiron no acondicionamento do firme con aglomerado en quente e limpeza de cunetas nun tramo da LU-P-2501 de Sá a Teixeira, que conecta con Rubián da Cima, e noutro da LU-P-4706, principal vía de comunicación entre os municipios da Pobra de Brollón e do Incio. Esta última actuación beneficiou a máis de 3.400 veciños de ambos concellos.
As obras financiadas pola Deputación tamén supuxeron melloras nos accesos aos núcleos de Castelo, San Martiño de Laiosa, Trascastro, Pacios e Vilamea, ademais de a varias fincas agrogandeiras de Son, nunha área que suma máis de 250 veciños. Está pendente de rematar o acceso a Toldaos, para o que se destinan máis de 50.000 euros.

 

Campos Conde e a rexedora local na recepción do novo vehículo de recollida de lixo, que dará servizo aos máis de 1.700 veciños. GPDL
NOVO CAMIÓN DE RECOLLIDA DE LIXO
A visita do mandatario provincial coincidiu coa recepción do novo vehículo para a recollida de lixo, custeado integramente pola Deputación de Lugo, cunha aportación de 138.000 euros.
ARRANXOS EN LOCAIS SOCIAIS
Os investimentos do organismo provincial no municipio do Incio incluíron melloras nos locais sociais de Lebón e Eirexalba. As obras, financiadas con 21.000 euros da Deputación, consistiron na renovación das cubertas de lousa dos edificios, que presentaban un importante deterioro, con illamento térmico. Segundo explicaron os responsables provinciais, estas melloras permitirán un aforro na factura da luz de preto de 670 euros ao ano, máis dun 10% do importe actual.
No eido do fomento do emprego, Campos Conde lembrou que a Deputación destinou máis de 41.000 euros para o DepuEmprego, que permitiu contratar a 8 peóns de servizos múltiples no Concello. En canto aos servizos sociais, o organismo provincial financia con máis de 30.000 euros o Servizo a Domicilio para non dependentes, con 13 usuarios no municipio, e a Teleasistencia gratuíta, con 7 beneficiarios.
O apoio da Deputación ás actividades culturais sumou 14.000 euros destinados a eventos organizados polo Concello, máis outros 7.500 euros aportados a asociacións, e máis de 4.500 euros para eventos deportivos.•
Tags:

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre ECONOMÍA

Ir a Inicio