2,2 millóns de euros provinciais nun ano para melloras e servizos en Monforte

•O presidente da Deputación salientou que o Plan Único destina 500.000 euros á cidade do Cabe

Na súa visita a Monforte, o presidente da Deputación mantivo un encontro cos empresarios. GPDL
• No último ano, a Deputación de Lugo destinou a Monforte de Lemos un total de 2,2 millóns de euros, para melloras nas infraestruturas e nos servizos, e para o fomento do emprego. Así o destacou o presidente do organismo provincial, Darío Campos Conde, na visita que realizou á cidade do Cabe o pasado 12 de xullo, acompañado polo alcalde, José Tomé, e varios membros do Goberno local.
Campos Conde precisou que estes investimentos inclúen 1,2 millóns de euros correspondentes ao Orzamento de 2016, e un millón máis aprobado na presente anualidade.
RENOVACIÓN DA REDE DE SANEAMENTO
Unha das partidas máis destacadas polo mandatario provincial foi a destinada ao saneamento, que conta con 655.000 euros para mellorar a rede en seis rúas da cidade. Campos Conde precisou que, desta cantidade, 155.000 euros financian o acondicionamento desta rede na zona de confluencia da rúa de San Pedro, e os outros 500.000 euros  custearán o novo sistema de saneamento nas rúas Santa Clara, A Veiga, Chantada, Juan Montes e Padre Feijóo, que irá conectado á depuradora de Piñeira. Os responsables provinciais destacaron que esta actuación suporá unha mellora completa da rede municipal.
MELLORAS EN VÍAS DE COMUNICACIÓN EN MEDIA DUCIA DE RÚAS
Os investimentos provinciais tamén serviron para acondicionar o firme de varias rúas de Monforte. A Deputación destinou un total de 245.000 euros para as obras de mellora en Benito Vicetto, Calvo Sotelo e a periurbana do polígono do Reboredo, así como o firme do aparcadoiro do Parque dos Condes. Ademais, o organismo provincial achegou outros 92.000 euros para colaborar co Concello de Monforte nas melloras realizadas na rúa Real, Santo Domingo, Campo de San Antonio, Camiño Real, Santa Clara e na contorna do CEIP As Gándaras.
Tamén se financiaron con fondos provinciais os arranxos nas estradas de Monforte a Currelos e de Monforte a Rozabales, con 36.400 euros.
A mellora dos espazos públicos contou cunha achega adicional de máis de 31.500 euros da Deputación para renovar o alumeado público en Cobas, polígono do Reboredo, Paseo da Compañía e Paseo de Lugo, con 88 novos puntos de luz de baixo consumo, que permitirán un aforro de preto de 3.000 euros.
23 NOVOS POSTOS DE TRABALLO A TRAVÉS DOS PROGRAMAS PROVINCIAIS
En canto ao emprego, Campos Conde salientou que os investimentos da Deputación xeraron 23 novos postos de traballo en Monforte, dentro dos programas provinciais Ben Empregado e DepuEmprego. O organismo provincial destinou 321.000 euros a financiar os custos laborais destes traballadores, tanto en empresas e colectivos sen ánimo de lucro como no Concello.
INVESTIMENTOS EN SERVIZOS SOCIAIS
No eido dos servizos sociais, a Deputación de Lugo destinou 30.000 euros á contratación de traballadores que prestan 16.000 horas de atención gratuíta aos 212 beneficiarios do Servizo a Domicilio a persoas non dependentes e da Teleasistencia. Ademais, o organismo provincial achegou 22.000 euros para colaborar coa Asociación de Enfermos de Alzheimer, Auxilia e Cruz Roja na atención a persoas con capacidades diferentes.
CULTURA, TURISMO E DEPORTE
Ademais destas aportacións, a Deputación destinou preto de 230.000 euros para apoiar a dinamización económica e social de Monforte a través da cultura, o deporte ou o turismo. Así, achegou case 50.000 euros para a Oficina do Peregrino, 25.000 euros para actividades promocionais do Consorcio de Turismo Ribeira Sacra, 30.000 euros para a organización da Feira Medieval, que se volverán aportar para a vindeira edición dentro do Plan Único, e 15.000 euros para o funcionamento do Conservatorio Municipal de Música. Ademais, a Deputación achegou 57.000 euros para diversas actividades culturais, e outros 39.000 para eventos deportivos ao longo de todo o ano.•

•O Plan Único financiará con 334.000 euros melloras como a pavimentación da rúa Duquesa de Alba e rúa do Conde •Entre outras partidas, destinará 65.000 euros ao DepuEmprego, e 47.000 euros a actividades culturais e deportivas

Deixa unha resposta

Your email address will not be published.

Nova Anterior

A Xunta comezou a acondicionar o espazo natural Loio-Ruxidoira de Paradela

Seguinte Nova

A deputada Julia Rodríguez agradeceu ao conselleiro de Sanidade a colaboración coa Asociación Albores

Últimas noticias sobre EMPREGO

A %d blogueros les gusta esto: