Crónica del sur de Lugo

Monforte, sede dun curso de teleformación para incorporar mozos ao agro

•A conselleira de Medio Rural inaugurou o curso, no que participan 119 mozos de Lugo e Ourense

Ángeles Vázquez inaugurou o curso no Centro de Formación e Experimentación Agraria de Monforte de Lemos, o pasado 11 de xullo. GPXG
• Monforte está a acoller un dos cursos que organiza a Xunta de Galicia para a incorporación de mozos e mozas á actividade agraria. Segundo salientou a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, na inauguración do curso, esta iniciativa ofrece amplas posibilidades para que os asistentes melloren a súa capacitación para o desenvolvemento da agricultura. Ademais, Vázquez suliñou a novidade que supón que este curso se desenvolva de xeito telemático.
PROFESIONALIZAR A ACTIVIDADE AGRARIA, XA QUE OS NOVOS AGRICULTORES “SON VERDADEIROS EMPRESARIOS”
A conselleira lembrou en Monforte que o seu departamento destina ao Plan de formación continua para o agro, no que se inclúe este curso telemático, un total de 3,8 millóns de euros. Vázquez destacou a importancia de ofrecer formación aos futuros agricultores, xa que “non só teñen unha explotación, senón que son verdadeiros empresarios”, o que esixe que afronten a súa xestión de xeito profesionalizado.
CARACTERÍSTICAS DO CURSO
No curso de Monforte están inscritos 119 alumnos, procedentes das zonas centro e sur de Lugo, así como do norte de Ourense, con idades comprendidas entre 18 e 40 anos. A acción formativa, imprescindible para poder acceder á axuda da instalación de mozos no rural galego, vai destinada ás persoas que se incorporan como titulares ou cotitulares a unha explotación agraria. O curso ten unha duración de 250 horas, organizadas en diversos módulos. En total, 357 mozos e mozas en toda Galicia van realizar este curso na modalidade telemática. Ademais, hai opcións presenciais para esta acción formativa, nos seis centros que a Xunta ten na comunidade.
A conselleira anunciou que no segundo semestre do ano vaise implantar a oferta de novos certificados de profesionalidade da familia profesional agraria e agroalimentaria. Nesta oferta, incluiranse os certificados de agricultura e gandaría ecolóxicas, actividades de mellora e conservación do monte, elaboración de viños, licores e aceites de oliva, ou manexo e mantemento de maquinaria agrícola.•
Tags:

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre EDUCACION

Ir a Inicio