Crónica del sur de Lugo

Completadas as melloras na gardería municipal de Monforte

•O Concello incorporou novo mobiliario interior e un equipo para a aula dixital, e renovou o patio

O alcalde e a concelleira de Cultura coñeceron as prestacións do novo equipo informático para a aula dixital da gardería. GPCM
• O Concello vén de completar as novas dotacións da gardería municipal, coas que pretende mellorar a seguridade do centro e o servizo que se presta aos usuarios. O conxunto das actuacións supuxo un investimento de máis de 35.000 euros, financiados con fondos propios do Concello e cunha subvención da Xunta procedente do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

 

O Concello adquiriu para a gardería municipal catro novas tronas con cinco asentos cada unha. GPCM
TRONAS CON VARIOS POSTOS PARA APRENDER ESTANDO XUNTOS
Por unha banda, os arranxos incluíron a compra de pezas de mobiliario interior, de xeito que a sala múltiple, que fai funcións de comedor, conta agora con catro novas tronas con cinco postos cada unha. Este sistema permite unha maior sociabilidade dos nenos e nenas, que poderán estar sentados xuntos, mellorando a súa aprendizaxe á hora de comer. Segundo explicou o alcalde de Monforte, José Tomé, na súa visita á gardería para supervisar os traballos, o custe das novas tronas superou os 4.700 euros.
AULA DIXITAL
Outra das melloras na gardería municipal foi a creación dunha aula dixital, incorporando un equipo informático dotado con pantalla multitáctil de 35 pulgadas e un ordenador portátil. O rexedor apuntou que a aula dixital “é imprescindible, porque axuda a que os máis pequenos traballen dunha forma máis creativa, e se motiven máis” cara á aprendizaxe. Estas novas ferramentas dan acceso a un gran número de recursos multimedia para incorporar ao traballo cotiá na gardería.
MELLORAS NO PATIO
O exterior da gardería municipal tamén foi obxecto de melloras. Así, renovouse a pavimentación da zona de xogos con céspede artificial e placas de caucho. Ademais, incrementouse a seguridade deste espazo instalando un protector no muro perimentral deste espazo, e outro nos bordillos. “Aínda que as instalacións da gardería xa cumprían coa normativa vixente, precisaba unha modernización nos acabados, materiais e equipamentos”, precisou o alcalde de Monforte. Por este motivo, incorporáronse novas pezas de xogos, que inclúen unha torre con casiña tobogán, varios bancos e un areneiro. O custe total dos arranxos e as adquisicións para o patio exterior suman algo máis de 21.000 euros.•
Tags:

Deja un comentario

Your email address will not be published.

*

Últimas noticias sobre EDUCACION

Ir a Inicio